Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Proverbios 21 - Biblia SEPT

1 Coma as canles da auga, a mente do rei está na man do Señor, el víraa para onde quere.

2 Todo o proceder do home semella recto ós seus ollos pero é o Señor quen sopesa os motivos.

3 Facer o recto e o xusto, prefíreo o Señor ós sacrificios.

4 Ollar fachendoso e corazón finchado: o facho dos impíos é o pecado.

5 Os planos do dilixente dan boa renda, pero quen anda ás présas anda ás perdas.

6 Gañar tesouros con lingua embusteira é sopro que foxe e trampa de morte.

7 A violencia dos perversos arrástraos, por se teren negado a practicar o xusto.

8 O proceder do arteiro todo é reviravoltas, mais é recto o facer do home cabal.

9 Mellor é habitar nun recuncho do faiado, ca con muller enredante en casa grande.

10 O instinto do impío tende ó mal, non repara con piedade no seu próximo.

11 Cando o burlón as paga, aprende o inxenuo, mais cando se instrúe a un sabio, el acrecenta seu saber.

12 O xusto controla o casal do malvado, e precipita ós impíos na ruína.

13 Quen peche a orella ó laio do pobre, tamén el berrará e non será escoitado.

14 Regalo baixo corda desvía a ira; e suborno no peto, a máis fera xenreira.

15 É ledicia do xusto o facer a xustiza, e unha desgraza para os malfeitores.

16 Quen desvía do vieiro da prudencia, rematará na compaña dos mortos

17 Quen gusta da esmorga, rematará pobre; e quen se afai ó viño e ó perfume, non enriquecerá.

18 O malvado será o rescate do home de ben, e o traidor, o do home recto.

19 Mellor é morar nun ermo ca ter muller fungona e enredante.

20 Na morada dun sabio gárdanse tesouros desexables e requintados, namentres que o parvo consúmeo todo.

21 Quen procura xustiza e lealdade, acada vida e mais honra.

22 O sabio sabe como atacar un castelo de paladíns, e derrubar a fortaleza na que afiuzaban.

23 Quen controla boca e lingua, garda a súa vida de estreituras.

24 Leva alcume de petulante o fachendoso insolente, que no actuar se pasa de presuntuoso.

25 O degoiro do preguiceiro lévao á morte, pois as súas mans refugan o traballo.

26 Cobiza e máis cobiza todo o día! Só o home de ben dá sen reserva.

27 Sacrificios de impíos son de aborrecer, e aínda máis cando os fan de mala lei.

28 A falsa testemuña desaparece, mais o que sabe escoitar fala para sempre.

29 O perverso pon a forza nas aparencias, o recto afianza a súa conduta.

30 Non hai Sabedoría, nin discernir, nin plano que valla diante do Señor.

31 Aparéllase o cabalo para o día da loita, mais a vitoria é cousa do Señor.

Lean sinn:



Sanasan