Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Proverbios 20 - Biblia SEPT

1 O viño excita e a augardente embriaga, ninguén a quen eles acaneen chegará a sabio.

2 Bruar de león é a xenreira do rei: quen nela incorre, xógase a vida.

3 Honor é para calquera desistir dun preito, pois mesmo o último parvo sabe amañar unha liorta.

4 O preguiceiro non ara no outono: busca despois a colleita, e nada.

5 O proxecto é auga profunda na mente do home, o entendido sabe tirala fóra.

6 Moitos proclaman a súa lealdade, mais quen atopa un home de fiar?

7 O xusto procede integramente; Benia os fillos que o sucedan!

8 Asenta o rei na sede do tribunal, e xa coa ollada disipa toda a maldade.

9 Quen pode dicir: —"teño limpa a conciencia, estou ceibe de pecado?"

10 Pesas adulteradas, medidas cambiadas, a ámbalas dúas aborrece o Señor.

11 Polos seus feitos mostra xa un rapaz se o seu proceder é limpo e recto.

12 Oído atento e ollo observador, ámbolos dous son obra do Señor.

13 Non collas gusto ó sono, non sexa que empobrezas; érguete cedo, e encheraste de pan.

14 —"Malo, malo", di o feirante, e despois vai gabándose do trato.

15 Existe o ouro, e moreas de perlas, mais os labios sabidos son un raro tesouro.

16 Cóllelle mesmo o vestido a quen deu aval por un estranxeiro, e tómalle peñor a quen saíu fiador por un alleo.

17 Sábelle ben á xente o pan da falsidade, pero despois a boca éncheselle de cascallo.

18 Os proxectos asegúranse no consello, fai por tanto a guerra con estratexia.

19 Quen vai parolando descobre segredos, non te xuntes co lingoreteiro!

20 A quen maldí do seu pai e da súa nai, esmorézalle a candea na tebra máis fonda.

21 A facenda feita ás presas no comezo, non medrará ó remate.

22 Non digas: —"Hamas de pagar"; afiúza no Señor, que El te axudará.

23 Aborrece o Señor as pesas falsas, nin é xusto pór trampa na balanza.

24 Do Señor proceden os pasos do home, que poderá este saber do seu camiño?

25 Para moitos é unha trampa farfallar: —"Prometido", e pensar só despois de feitos os votos.

26 Un rei sabio aventa os malvados, e fai pasar sobre eles a roda.

27 O espírito do home é candea do Señor, que enxerga todos os recunchos das entrañas.

28 Lealdade e firmeza protexen un rei e na clemencia afinca o seu trono.

29 Gloria dos homes novos é a súa forza, o ornamento dos anciáns son os cabelos brancos.

30 Ferida que sangra purga do mal; e os golpes, o interior das entrañas.

Lean sinn:



Sanasan