Proverbios 18 - Biblia SEPT1 O que anda apartado procúrase manías e disente de calquera plano. 2 O necio non se comprace na prudencia, senón tan só nas súas matinacións. 3 Onde chega a maldade, chega o desprezo; coa mala sona chega a aldraxe. 4 Augas profundas son as palabras dun home, canle burbullante, fonte de Sabedoría. 5 Inicuo é favorecer o culpable, e prexudicar o inocente co veredicto. 6 Labios de necio levan a preito, a súa boca chama á liorta. 7 A boca do necio é a súa propia ruína, e os seus labios son para el mesmo unha trampa. 8 Verbas de intrigante son coma lambetadas, que penetran no máis fondo do ventre. 9 O neglixente no seu traballo é irmán do destrutor. 10 O nome do Señor é forte torre: acóllese nel o xusto, e acouga seguro. 11 A facenda do rico é o seu castelo fortificado, considéraa coma unha alta muralla. 12 O corazón do home érguese orgulloso antes da desfeita, pero é a humildade a que precede á gloria. 13 Quen responde unha cuestión antes de escoitar, conseguirá fatuidade e mais vergonza. 14 Animo baril sostén no sufrimento, pero quen soerguerá un ánimo decaído? 15 Mente prudente acada o saber, oído de sabios procura a ciencia. 16 Regalos abren camiños, e levan a ter tratos cos grandes. 17 O primeiro en falar nun preito semella levar razón, ata que chega o outro e fai a réplica. 18 A sorte apaga as contendas, e decide entre os potentes. 19 Irmán ofendido péchase máis ca unha fortaleza, e as liortas son ferrollos de castelo. 20 Do froito da súa boca énchese o ventre do home, e fártase co produto dos seus labios. 21 Morte e vida están no poder da lingua; dos froitos que prefira, xantará. 22 Quen encontra muller encontra un ben, e recibiu favor do Señor. 23 O pobre fala xemendo, o rico responde bruando. 24 Hai compañeiros só para parolar, e hai amigos máis íntimos ca irmáns. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)