Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Proverbios 17 - Biblia SEPT

1 Mellor é a codia seca con paz cá casa farta de matanzas e discordia.

2 O criado avisado chegará a mandar nun fillo innobre, e irá ás partes na herdanza cos irmáns.

3 O crisol proba a prata; o forno, o ouro; e o Señor é quen proba os corazóns.

4 O malicioso presta oído a labios argalleiros, e o mentireiro ponlle a orella á lingua maldicente.

5 Quen se burla do pobre, insulta ó seu creador; quen se alegra na desgraza, non quedará impune.

6 Coroa dos vellos son os netos, e adorno dos fillos son os pais.

7 Non di ben no parvo un falar escolleito, moito menos no nobre a fala mentireira.

8 O suborno é un amuleto ós ollos de quen o emprega: onde queira se torne, terá éxito.

9 Quen encobre unha chata, procúrase un afecto; quen repite un rumor, perde un amigo.

10 Unha reprensión ten máis efecto no home asisado, ca cen fungueirazos no parvo.

11 O argalleiro non procura máis ca liortas, pero seralle enviado un cruel mensaxeiro.

12 Atope eu unha osa que perdeu as crías, e non ó parvo na súa tolemia!

13 Quen paga ben con mal, non aparta a desgraza do seu casal.

14 Encetar un preito é coma ceibar a auga: retírate antes que comece o proceso.

15 A quen absolve ó culpable e a quen condena ó xusto, a ámbolos dous aborrece o Señor.

16 De que serve a paga na man dun parvo? Para mercar Sabedoría? —Pero se non ten siso!

17 Un amigo ama en todo tempo, e un irmán nace para a hora da adversidade.

18 O falto de siso vai dando apertas de mans, saíndo fiador por outro.

19 Quen ama a culpa, ama a liorta; quen constrúe a porta alta de máis, busca a ruína.

20 O retranqueiro non atopará a felicidade, e o de lingua falsa irá dar na desgraza.

21 Quen tivo un fillo parvo cargou con boa coita, pois non ten lecer o pai dun tolo.

22 Animo ledo, corpo rufo; o espírito abatido seca a cana dos ósos.

23 O malvado tira do peto o suborno, para desviar o curso da xustiza.

24 O intelixente ten os ollos na Sabedoría, os ollos do badoco andan ós biosbardos.

25 Fillo tordas é mágoa de seu pai, tristura para a nai que o deu.

26 Abofé que non está ben multar o inocente, aínda menos mallar sen xustiza na xente de ben.

27 No aforro de palabras apréciase o sabio, e quen mantén o sangue frío é home de tino.

28 Mesmo o tolo calado pasa por sabio; quen pecha a boca, por intelixente.

Lean sinn:



Sanasan