Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Proverbios 16 - Biblia SEPT


Antoloxía "B" (16, 1-22, 16)

1 Cousa do home é ordenar os pensamentos, mais a resposta da lingua vén do Señor.

2 Todo o proceder dun home semella recto ós seus ollos, pero é o Señor quen sopesa os motivos.

3 Ofréndalle ó Señor os teus feitos, para que os teus proxectos saian ben.

4 Todo o fixo o Señor cun designio; mesmo ó malvado, para o día da desfeita.

5 O ánimo soberbio aborréceo o Señor, tarde ou cedo non sairá impune.

6 Coa bondade e a verdade púrgase a culpa, e temendo ó Señor evítase o mal.

7 Cando o Señor se comprace no proceder de alguén, mesmo os seus inimigos lle van ofrecer as paces.

8 Máis conta ten ter pouco honradamente, ca moreas de bens con inxustiza.

9 A mente humana proponse un camiño, mais é o Señor quen afianza o paso.

10 Dos labios dun rei sae un oráculo, a súa boca non erra no veredicto.

11 Romana e balanzas xustas son cousa do Señor; asunto seu, todas as pesas da caixa.

12 É un horror para os reis que se cometa un crime, pois na xustiza afíncase o seu trono.

13 Un rei asente ós labios veraces, e tenlles lei ós que falan rectamente.

14 Carraxe de rei: mensaxeiro de morte, o home sabio procura aplacala.

15 As raiolas do rostro do rei traen a vida, o seu favor é coma roibéns de orballo.

16 Moito mellor có ouro adquirir Sabedoría; preferible á prata mercar intelixencia!

17 Vía real dos xustos é o afastarse do mal, garda a súa vida quen vixía a propia conduta.

18 Por diante da desfeita vén o orgullo, e antes da caída, a fachenda.

19 Mellor é ser humilde entre os pobres que ter parte no botín dos opresores.

20 O que as colle ó vó, medra; pero feliz é só quen espera no Señor.

21 O de mente aleuta ten sona de entendido, e a fala doce promove a comprensión.

22 O bo siso é manancial de vida para quen o posúe, pero a crítica dos necios é necidade.

23 A mente do sabio fai atinado o seu falar, polos seus labios progresa a doutrina.

24 Panal de mel son as palabras xeitosas, doces para a gorxa, saudables para os ósos.

25 Coidaba alguén que o seu camiño era recto, e ó remate levaba á morte.

26 A fame do obreiro traballa por el, pois aguilloa a súa boca.

27 Home malicioso cava malicias, coma se un lume alampase nos seus labios.

28 Home perverso provoca liortas,


e o difamador separa do amigo.

29 Home violento engana ó seu próximo, conducíndoo por un mal camiño.

30 Quen torce a ollada, matina intrigas; quen remorde os labios, xa fixo o mal.

31 Coroa de gloria son os cabelos brancos, chégase a eles polo vieiro da xustiza.

32 Máis vale o temperado heroe e quen domina a paixón có que conquista unha vila.

33 Reméxense as sortes no pano, mais a decisión vén toda do Señor.

Lean sinn:



Sanasan