Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Proverbios 15 - Biblia SEPT

1 Unha resposta doce alonga a cólera, unha verba ferinte acende a ira.

2 A lingua dos sabios fai destilar saber, a boca dos tolos burbulla tolemia.

3 Os ollos do Señor atópanse en todo, vixiando tanto os malos como os bos.

4 Unha lingua apracible é árbore de vida; cando é perversa, fere no espírito.

5 O tolo despreza a corrección paterna, mais tórnase asisado quen ten en conta a reprensión.

6 No casal do xusto reina a fartura; nas ganancias do impío, a inquietude.

7 Labios de sabios espallan saber, o matinar do impío non acouga.

8 Aborrece o Señor a ofrenda dos impíos, mais a pregaria dos rectos acada o seu favor.

9 Aborrece o Señor a conduta do impío, mais ó que procura a xustiza tenlle amor.

10 Terá un severo castigo quen aparta do seu vieiro, e quen refuga a reprensión vai dar na morte.

11 O Xeol e a perdición están ante os ollos do Señor, canto máis as mentes dos humanos!

12 Non lle agrada ó insensato que o critiquen, nin se reúne cos sabios.

13 O corazón feliz alegra a cara, o sufrir interno creba o espírito.

14 O de ánimo sensible procura o saber, a boca dos necios fártase de parvadas.

15 Todos os días do desgraciado son tristes; para o de ánimo alegre, un banquete continuo.

16 Mellor é un pouquiño con temor do Señor, ca moreas de bens con inquedanza.

17 Mais vale cunca de grelos con cariño ca xato cebado con xenreira.

18 Home acalorado fai alampar a liorta, o cachazudo pon sosego na disputa.

19 O camiño do preguiceiro ten por sebe as silveiras, o vieiro do recto está ben achanzada.

20 Un fillo sabio alegra a seu pai, o necio deshonra a súa nai.

21 A tolemia é troulada para o falto de siso, o home intelixente camiña a dereitas.

22 Onde non se fai xuntanza malógranse os planos, pero cúmprense cos moitos conselleiros.

23 Que ledicia para un home saber responder por si! e que boa é unha palabra ó seu tempo!

24 Hai un vieiro de vida —costa arriba— para o sabio, para se afastar do Xeol —costa abaixo—.

25 O Señor destrúe o casal dos fachendosos, pero afinca o lindeiro da viúva.

26 Aborrece o Señor as malignas matinacións, mais as verbas axeitadas son limpas.

27 O famento de lucro arruína a súa casa; quen odia os regalos interesados, vivirá.

28 A mente do xusto medita antes de responder, a boca dos perversos burbulla maldades.

29 Apártase o Señor dos perversos, pero escoita a pregaria dos xustos.

30 Uns ollos brillantes alegran o corazón, unha boa noticia fortalece os ósos.

31 Oído que escoita a corrección saudable, asentará no medio dos sabios.

32 Quen refuga a instrución, rexeita a vida; quen dá escoita á corrección, faise asisado.

33 O temor do Señor é escola da Sabedoría, pois a humildade precede á gloria.

Lean sinn:



Sanasan