Proverbios 14 - Biblia SEPT1 A muller sabia constrúe o seu lar, a tolemia destrúeo coas propias mans. 2 Quen ten bo proceder teme o Señor, o de camiños tortos desprézao. 3 O falar do parvo é unha vara nas súas costas, as palabras dos sabios defenden. 4 Falta de gando, mingua de gran; forza no boi, colleita farturenta. 5 Testemuña de lei non mente, testemuña falsa burbulla mentiras. 6 O parvo procura sabedoría e non a atopa, mais para o intelixente o saber é cousa doada. 7 Fuxe do rastro do tolo, non encontrarás nel labios asisados. 8 O saber do astuto acláralle o camiño, a tolemia dos parvos lévaos ó engano. 9 Os necios búrlanse da culpa, os honrados distinguen o facer axeitado. 10 Só o espírito sabe da propia amargura, ningún alleo ten parte na súa ledicia. 11 O casal dos perversos vénse abaixo, a tenda dos honrados prospera. 12 As veces coida un que é recto o seu camiño, e, ó remate, vai dar na morte. 13 Mesmo no rir sofre o corazón, e a ledicia acaba na dor. 14 O renegado fartarase do seu proceder, e o home bo, do das súas obras. 15 O inxenuo dá creto ó que sexa, o asisado calcula os seus pasos. 16 O sabio é cauto e afástase do mal, o parvo chímpase tan seguro. 17 O impulsivo fai toleiras, mais o que bota contas agarda. 18 Os inxenuos teñen por herdanza a necidade, o asisado abrangue o saber. 19 Os malvados dobréganse diante dos bos, e os impíos, ás portas do xusto. 20 O pobre é odiado mesmo do seu compañeiro, o rico ten amigos a milleiros. 21 Quen aldraxa ó seu veciño, peca; bendito quen se apiada dos pobres. 22 Por caso non erran os que argallan o mal? A bondade e a fidelidade son para os que fan o ben. 23 Todo traballo ten o seu proveito, mais o parolar leva á miseria. 24 A coroa dos sabios é a súa riqueza, diadema dos insensatos é a necidade. 25 Testemuña de fiar salva vidas, o perxuro é un enredante. 26 O temor do Señor é a fortaleza dun home, para os seus fillos é un refuxio. 27 O temor do Señor é fonte de vida que afasta das trapelas da morte. 28 Pobo numeroso é orgullo do rei; mingua de xente, ruína do príncipe. 29 Demostra bo siso o lento na ira, quen ten arroutadas ben proba que é parvo. 30 Animo temperado, saúde no corpo; a envexa corroe os ósos. 31 Quen asoballa ó pobre inxuria ó seu creador, e faille honra quen acorre a un mendigo. 32 Pola súa malicia o malo é refugado, mais ten confianza o xusto cando morre. 33 En mente atinada mora a sabedoría, no interior dos necios expira. 34 A xustiza fai grande a unha nación, o pecado é a desgraza dos pobos. 35 O favor do rei vai ó ministro avisado; a súa carraxe, ó desvergonzado. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)