Proverbios 13 - Biblia SEPT1 O fillo asisado acolle a disciplina paterna, o petulante non dá escoita á reprensión. 2 Un home pode xantar abondo do froito do seu falar, mais o degoiro dos traidores é a violencia. 3 Quen garda a boca garda a vida, o laretas busca a súa ruína. 4 Moito arrela o nugallán, mais en van; en troques, a arela dos dilixentes vese cumprida. 5 Odia o xusto as verbas mentireiras, o malvado deshónrase e deshonra. 6 A xustiza garda ó home sen chata, a desgraza bota abaixo ó pecador. 7 Hai quen se fai o rico e non ten nada, e quen pasa por pobre e reborda de bens. 8 Algúns coa riqueza rescatan a vida, o pobre non teme as ameazas. 9 A luz dos xustos refulxe, a candea dos malvados esmorece. 10 O testalán fai xurdir liortas coa súa fachenda, a sabedoría está cos que se aconsellan. 11 Riqueza gañada axiña pouco dura, o que a xunta pouco a pouco acrecentaraa. 12 Esperanza aprazada fai adoecer o corazón, arela cumprida é unha árbore de vida. 13 Quen despreza o mandato arruínase, a quen respecta a norma iralle ben. 14 O ensino do sabio é fonte de vida que afasta das trapelas da morte. 15 O bo senso gaña favores, as maneiras dos falsos son a súa perda. 16 O astuto todo o fai con siso, o parvo espalla necidade. 17 O mensaxeiro malvado fai caer en desgraza, o mensaxeiro fiel leva curación. 18 Pobreza e vergonza para o que desbota a instrución, mais quen escoita a crítica acadará honra. 19 Desexo satisfeito, dozura para o espírito; para os necios é un horror apartarse do mal. 20 Vai onda os sabios: volverás sabio; quen fai compaña ós necios, terá que sufrir. 21 A desfeita persegue ós pecadores, os bos son premiados con felicidade. 22 A herdanza do home bo chega ata os netos, o pecador xunta a fortuna para o xusto. 23 Agra de ricos dá moita mantenza, mais pérdese por falta de xustiza. 24 O que aforra vara, odia ó seu fillo; quen lle ten boa lei dáse présa en corrixilo. 25 O xusto xanta a boca chea, o bandullo dos perversos fica baleira. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)