Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Proverbios 12 - Biblia SEPT

1 O que ama a instrución ama o saber, mais o que odia a corrección é estúpido.

2 O bo acada o favor do Señor, pero El condena ó retorto.

3 O home non se ten en pé sobre a maldade, mais a raiceira dos xustos non se conmove.

4 A muller mañosa é a coroa do seu home, a desvergonzada é carie nos ósos.

5 Teima dos xustos é a equidade; matinación dos malvados, o engano.

6 As verbas dos perversos son emboscadas criminais, o falar dos rectos fainos ceibes.

7 Os malvados son abatidos e desaparecen, pero o casal dos xustos mantense.

8 Loan a un polo seu siso, mais o arteiro será aldraxado.

9 Mellor lle vai a un home modesto que teña de que vivir, do que ó fachendoso que non ten pan.

10 O de bo natural atende á fame do gando, mais os sentimentos do malvado son crueis.

11 Quen traballa a súa terra fartarase de pan, o que anda ás nugallas é parvo.

12 O alicerce dos malvados é derrubado, mais o raigaño dos xustos mantense.

13 Enguedéllase o malo no exceso dos seus labios, pero o xusto foxe da estreitura.

14 Pode un home encherse co froito do que fala, e ser recompensado polo que faga coas mans.

15 O parvo parécelle recta a súa conduta, mais soamente é sabio quen escoita un consello.

16 A carraxe do parvo axiña se mostra, mais o astuto disimula unha inxuria.

17 O home veraz conta a verdade; a testemuña falsa, a mentira.

18 Persoas hai que falan a estocadas, a fala dos sabios é medicina.

19 Falar sincero dura para sempre; fala embusteira, tan só un intre.

20 O engano é a intención dos que argallan o mal, mais a ledicia é a paga dos que aconsellan a paz.

21 Ningún mal caerá sobre o xusto, mais os malvados fican cheos de coitas.

22 Aborrece o Señor os labios mentireiros, comprácese, en troques, nos que practican a verdade.

23 O home astuto esconde o seu saber, os parvos pregoan as súas tolemias.

24 Man dilixente, ó goberno; man nugallá, a servir.

25 A ansiedade no corazón do home angústiao, a verba agarimosa alégrao.

26 O home de ben móstralle a vía ó amigo, o camiño dos perversos extravía.

27 O preguiceiro non asa o que cazou, mentres o dilixente amorea riquezas.

28 No vieiro da xustiza atópase a vida, o camiño da necidade leva á morte.

Lean sinn:



Sanasan