Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Proverbios 10 - Biblia SEPT


SEGUNDA COLECCIÓN PROVERBIOS DE SALOMÓN (10-22, 16) Antoloxía "A" (10-15)

1 Proverbios de Salomón. Fillo sabio alegra a seu pai, fillo necio dá mágoa a súa nai.

2 Tesouros mal gañados non dan proveito, pero a xustiza libra da morte.

3 O Señor non deixa pasar fame á gorxa do xusto mais porá impedimento ó degoiro dos malos.

4 Man indolente carrexa pobreza, brazo dilixente enriquece.

5 Quen recolle no verán é asisado, quen dorme durante a colleita é unha desgraza.

6 As bendicións para a cabeza do xusto, pero a violencia tapa a boca do malvado.

7 A lembranza do xusto provoca bendicións, mais a sona dos perversos podrece.

8 Home de mente sabia acolle directrices, o de labios necios bótase a perder.

9 Quen camiña a dereitas vai seguro, quen vai polas tortas é atrapado.

10 Quen fai que non ve carrexa dor, quen corrixe na cara constrúe a paz.

11 Manancial de vida é a boca do xusto, mais o parolar dos perversos encobre violencia.

12 O odio acende liortas, pero o amor pasa por riba da ofensa.

13 Nos labios do intelixente atópase a Sabedoría, no lombo do parvo, o fungueiro.

14 Os sabios amorean saber, mais a boca do necio é ruína inminente.

15 A fortuna do rico é o seu castelo ameado, o terror dos pobres é a súa miseria.

16 A paga do xusto é a vida, a ganancia do malvado é o erro.

17 Camiña para a vida quen acepta a instrución, o que refuga a corrección pérdese.

18 É de labios falaces o que acocha xenreiras e quen espalla calumnias é un insensato.

19 Nunha chea de verbas non faltará o erro, o que contén os labios sabe o que fai.

20 Lingua de xusto, prata de lei; matinar de perversos, refugallo.

21 Os labios do xusto pastan a moitos, os parvos morren por falta de siso.

22 É a bendición do Señor a que fai rico e o esforzo non engade nada.

23 Tramar un plano torcido é o xogo do necio, e do home intelixente é a Sabedoría.

24 O malvado vénlle enriba o que teme, ós xustos dáselles o que arelan.

25 Pasou a galerna, esvaeceu o malvado; mais o xusto é un alicerce perenne.

26 Vinagre para os dentes, fume para os ollos; tal é o preguiceiro para quen lle dá un mandado.

27 O Temor do Señor acrecenta días, os anos dos malvados abrévianse.

28 Leda é a expectación dos xustos, a esperanza dos malvados perecerá.

29 Salvagarda do honrado é o poder do Señor, mais é terror para os que fan o mal.

30 O xusto non será endexamais abaneado, os malvados non habitarán a terra.

31 A boca do xusto produce Sabedoría, a lingua mentireira será tallada.

32 Os labios do xusto flúen boa vontade; a boca malvada, dobres intencións.

Lean sinn:



Sanasan