Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Proverbios 1 - Biblia SEPT


INTRODUCIÓN ÓS PROVERBIOS (1, 8-9, 18)

1 Proverbios de Salomón, fillo de David, rei de Israel,

2 Para aprender sabedoría e boas maneiras, para comprender ditos intelixentes,

3 para adquirir doutrina asisada, o dereito, xustiza e boa lei,

4 para lle dar ó inexperto habilidade e ó rapaz novo, ciencia e discernimento;

5 —o sabio escoita e acrecenta o seu saber, o intelixente adquire a arte de se gobernar—

6 para dar co senso dun refrán ou dun dito agudo, das sentencias dos sabios e das adiviñas.

7 O temor do Señor é o comezo do saber; só os necios se burlan da Sabedoría e da Instrución.


PRIMEIRA COLECCIÓN (1, 8-9, 18) Fuxe dos cobizosos

8 Filliño, escoita a instrución de teu pai e non refugues o ensino de túa nai;

9 serán unha graciosa diadema na túa cabeza e un colar no teu pescozo.

10 Meu fillo, se os pecadores intentan enganarte non llelo consintas.

11 Se din: —"ven connosco, fagamos unha emboscada ás agachadas, axexemos o inocente porque nos peta,

12 devorémolos en vivo como fai o Xeol, nunha peza, coma ós que descenden para a cova,

13 Atoparemos toda clase de cousas prezadas, imos encher as nosas casas de espolios.

14 Bota a túa sorte connosco, imos facer bolsa común!".

15 Meu fillo, non os acompañes nesa viaxe! Afasta as túas pegadas dos seus vieiros!

16 Porque as súas pernas corren ó mal, danse présa a esparexer o sangue;

17 (pois en van se lanza a rede á vista mesma dos seres alados)

18 e eles están a insidiar contra o propio sangue, axexan, pero contra as propias vidas.

19 Tales son sempre os camiños de quen cobiza ganancias que perden as vidas dos seus donos.


A Sabedoría predicadora

20 A Sabedoría bota o pregón pola rúa, alza a súa voz polas rúas,

21 fai a prédica desde o alto dos muros, ás entradas das portas da vila di o seu discurso:

22 —"Ata cando, inxenuos, amaredes a inxenuidade, e os burlóns se gozarán coa burla e os parvos refugarán o saber?

23 Se vos convertedes cando vos amoeste, fareivos burbullar o meu ánimo, comunicareivos os meus pensamentos.

24 Mais xa que vos chamei e recusastes, tendinvos a man e ninguén atendeu,

25 rexeitastes calquera consello meu e non acollestes a miña reprensión,

26 tamén eu vou rir da vosa desgraza e botar gargalladas cando vos chegue o terror:

27 cando o medo vos sorprenda coma unha ventada e vos veña a calamidade coma unha treboada, cando se vos acheguen agonía e angustia.

28 Berrarán por min daquela, mais non responderei, ergueranse cedo a procurarme, e non me atoparán.

29 Xa que aborreceron o saber e non preferiron o temor do Señor;

30 non quixeron aceptar o meu consello e desprezaron todas as miñas amoestacións.

31 Xantarán do froito do seu proceder, fartaranse das súas matinacións,

32 porque ós parvos mátaos a súa indisciplina e os tolos pérdense pola súa indolencia;

33 mais quen me escoita morará ben seguro, tranquilo, sen temor do mal".

Lean sinn:



Sanasan