Oseas 6 - Biblia SEPT1 Vinde e volvámonos ó Señor. É El quen nos desgarra e quen nos curará, quen nos fere, e nos vendará, 2 faranos revivir despois de dous días, ó terceiro día restableceranos, e viviremos felices na súa presenza. 3 Nisto recoñecerémolo. Esforcémonos por coñecer o Señor: a súa irrupción é segura coma a alba. Viranos á terra certamente unha chuvia forte, si, a chuvia da primavera e a chuvia do outono. 4 Que che vou facer, Efraím? Que che vou facer, Xudá? O voso amor é coma a nube da mañá, coma o orballo da madrugada, que pasa. 5 Por isto ferín co meu terrible oráculo, matei coas palabras da miña boca, e a miña sentencia brilla coma o sol, 6 pois quero amor, e non sacrificios, prefiro o coñecemento de Deus ós holocaustos. 7 Pero velaí: pisaron coma a terra a miña Alianza, e traizoáronme. 8 Galaad é unha cidade de malfeitores con pisadas de sangue. 9 Como espreita unha banda de bandidos, así é a comunidade dos sacerdotes, asasinan polo camiño que vai a Xequem. Que maldades cometen! 10 Na casa de Israel vin cousas horribles: Velaí a prostitución de Efraím, emporcállase Israel. 11 Tamén para ti, Xudá, está preparada a seitura. Cando eu queira cambiar a sorte do meu pobo, |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)