Oseas 5 - Biblia SEPTContra os sacerdotes e os dirixentes políticos 1 Escoitade isto, sacerdotes; prestade atención, os da casa de Israel; oíde, os da casa do rei, pois a sentencia é para vós, xa que fostes unha trampa en Mispah, e unha rede tendida no Tabor. 2 Si, sentíanse profundamente afeccionados a sacrificar ás imaxes, pero eu serei quen os castigue a todos eles. 3 Eu coñezo ben a Efraím, e Israel non se me esconde. Certo que ti, Efraím, te dás agora á prostitución, si, emporcállase Israel; 4 As súas obras non lle permiten apartar dos seus deuses, xa que teñen dentro deles un espírito de prostitución, e ó Señor non o coñecen. 5 A soberbia de Israel testemuña contra el mesmo, Israel e mais Efraím están a punto de caer pola súa iniquidade, e con eles cae tamén Xudá. 6 Coas súas reses e vacas van buscar o Señor, pero non atopan o seu liberador. 7 Velaí: traizoaron ó Señor, e xeran fillos bastardos; por iso un Novo Baal devoraralles a cada un a súa herdanza. Anuncios de castigo acerca da guerra Siro-efraimita 8 Tocade o corno en Guibah, a trompeta en Ramah, dade a alarma en Bet-Aven: "Olla para os perseguidos, Benxamín". 9 Efraím converterase nunha desolación o día do castigo. Contra as tribos de Israel anuncio eu o que é seguro. 10 Os xefes de Xudá son os que mudan os marcos: sobre eles verterei o meu noxo coma auga. 11 Efraím está oprimido, quebrantada está a xustiza, aínda que quere perseguir o seu dereito; 12 pero eu son para Efraím coma un tumor, coma podremia para a casa de Xudá. 13 Cando viu Efraím a súa enfermidade, e Xudá a súa chaga, foi Efraím a Asiria, e mandou emisarios ó gran rei, pero este non será capaz de curarvos, nin vos quitará a chaga. 14 Si, eu serei coma un león para Efraím e coma un cachorro de león para Xudá; eu, eu en persoa, esgazarei e marcharei; apresarei, e non haberá quen salve. Retirada do Señor e denuncia da falsidade da liturxia penitencial de Israel 15 Voume volver ó meu santuario, ata que se sintan culpables, entón buscarán o meu rostro, cando estean na angustia; na angustia desexaranme ardentemente. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)