Oseas 4 - Biblia SEPTII. OS PREITOS DO SEÑOR Contra os que mandan no país 1 Escoitade a palabra do Señor, fillos de Israel. Velaí o preito do Señor cos que mandan no país, pois non hai fidelidade nin amor nin coñecemento de Deus no país. 2 Os perxurios, a mentira, o asasinato, o roubo e o adulterio están difundíndose, e imaxes de ídolos están tropezando con imaxes de ídolos. 3 Por isto reseca o país e morre de sede todo o que vive nel, o mesmo os animais salvaxes cós paxaros do ceo, e ata os peixes do mar desaparecen. Contra os sacerdotes e profetas 4 Certo, con lume sentencia Deus; si, Deus castiga con lume; pero contigo precisamente é o meu preito, sacerdote. 5 Tropezarás de día, e contigo tamén tropezará o profeta de noite; si, reducireinos poderosamente ó silencio; certo, 6 o meu pobo será reducido ó silencio por falta de coñecemento. Xa que refugaches o coñecemento de seres sacerdote para min; ti esqueciches a lei do teu Deus: así tamén eu me esquecerei dos teus fillos. 7 Canto máis ricos son, máis pecaron contra min. Cambiarei a súa gloria pola ignominia. 8 Aliméntanse do pecado do meu pobo. abren a gorxa arelando as súas culpas. 9 sucederalle ó pobo o mesmo ca ós sacerdotes: pedireille contas do seu comportamento e farei volver contra el as súas obras: 10 comerán e non se fartarán; fornicarán, e non se saciarán, porque abandonaron o Señor, para venerar a prostitución. 11 O viño e mais o mosto quítanlle o xuízo 12 ó meu pobo, que consulta a unha árbore, infórmao unha póla de árbore, pois un espírito de prostitución descamíñaos, e fornican abandonando o seu Deus. 13 Sacrifican no cume das montañas, e sobre os outeiros ofrendan incenso, debaixo do carballo e do amieiro e do terebinto, Que agradable é a súa sombra! Por isto as vosas fillas daranse á prostitución, e as vosas noras cometerán adulterio. 14 Non lles pedirei contas ás vosas fillas por se prostituíren nin ás vosas noras por se daren ó adulterio; pois os mesmos sacerdotes van á parte coas prostitutas, comparten os banquetes sacrificiais coas prostitutas sagradas; por isto o pobo, que non entende, vai á ruína. 15 Aínda que ti, Israel, es unha prostituta, que non se volva culpable Xudá. Si, non vaiades a Guilgal, non subades a Bet-Aven, nin xuredes alí: "Vive o Señor". 16 Se Israel escorna coma unha xovenca, que escorne; agora o Señor vainos deixar pacer coma os carneiros na chaira do Xeol. 17 Efraím está asociado ós ídolos, el transmite en herdanza 18 A apostasía dos que beben no templo; dáse de cheo á prostitución, a fornicar: aman as vergonzas do seu protector! 19 Un vendaval envólveos nas súas ás, e así avergónzanse dos seus sacrificios. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)