Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Oseas 13 - Biblia SEPT


CHAMADA Á CONVERSIÓN E Á PENITENCIA Oráculos de condenación

1 Cando Efraím falaba, daba medo, era sublime en Israel; pero fíxose culpable con Baal, e mereceu morrer.

2 Pois agora continúa pecando, fai ídolos de fundición, da súa prata fai con habilidade ídolos. Todo iso é obra de artistas. Din eles: "Ofrecédelles sacrificios a eles, que os homes biquen os becerros".

3 Por isto volveranse coma néboa de mañanciña, e coma orballo que pasa á madrugada, coma a muíña que voa da eira, coma fume que escapa polo ventanuxo.

4 Si, eu son o Señor, o teu Deus, desde o país de Exipto, e deuses fóra de min non debes recoñecer, pois non hai outro salvador, senón eu.

5 Eu pastoreeite no deserto, na terra do sequeiro

6 Si, fíxenos pacer e fartáronse; fartáronse e ensoberbeceuse o seu corazón, por isto esquecéronse de min.

7 Si, eu serei para eles coma un tigre que apresa, coma un leopardo estarei á espreita á beira do camiño.

8 Atacareinos coma un oso a quen lle quitaron as crías, e arrincareilles a caixa do corazón, alí devorareinos coma unha leoa, os animais salvaxes esgazaranos en triscos.

9 Voute destruír, Israel; si, quen virá na túa axuda?

10 Onde está o teu rei, para que te auxilie a ti e ás túas cidades? E onde están os teus soberanos dos que dixeches: "Dáme un rei e uns príncipes"?

11 Concedinche un rei, movido polo meu noxo; e retireino, movido pola miña ira.


Reflexión acerca da vida e da morte

12 Envolta está a iniquidade de Efraím, escondido o seu pecado.

13 As dores do parto chéganlle a Efraím, pero el é un fillo parvo: chegou a hora, non entra por onde rompen os fillos.

14 Vou libralos do poder do Xeol, vou rescatalos da Morte. Onde está, Morte, o teu aguillón? Onde está, Xeol, a túa aguillada? A misericordia está escondida dos seus ollos.

15 Si, mentres el está medrando entre a herba, vén o vento do leste, o vento do Señor que sobe do deserto, e fai secar a súa fonte, reseca o seu viveiro. O Señor vai saquear os tesouros, todos os obxectos preciosos.

Lean sinn:



Sanasan