Oseas 12 - Biblia SEPTEfraím despreza a mensaxe profética coa súa idolatría e os seus crimes 1 Efraím tenme rodeado de mentira; e de falsidade, a casa de Israel. Tamén Xudá segue índose co deus El, e segue confiando nos ídolos. 2 Efraím pastorea o vento e segue tralo vento leste todo o día, a Mentira e os demos multiplícanse. Por iso conclúen alianza con Asiria, e levan aceite a Exipto. 3 Velaí o preito do Señor con Israel para lle pedir contas a Xacob do seu comportamento, para lle devolver a paga das súas accións. 4 No ventre da nai suplantou a seu irmán, e sendo xa maduro loitou con Deus. 5 Tamén loitou contra un anxo e venceuno. Chorou e pediulle que tivese compaixón. En Betel atopouno e alí falou con el: 6 "O Señor é o Deus dos Exércitos, Iavé é o seu tratamento. 7 Pero ti, vólvete ó teu Deus, garda a fidelidade e a xustiza, confía sempre no teu Deus. 8 Canaán ten na súa man unha balanza falsa, gústalle estafar". 9 Entón Efraím respondeu: "Xa me volvín rico, conseguín riqueza para min; todas as miñas ganancias abondan para me acusar de culpa e pecado". 10 "Eu son o Señor, o teu Deus, desde o país de Exipto: obrigareite a vivir en tendas coma nos días do encontro. 11 Falareilles ós profetas, e eu mesmo lles multiplicarei as visións e por medio dos profetas falarei en parábolas". 12 Si, Galaad foi unha mentira idolátrica, certamente eles foron unha falsidade. En Guilgal ofrecían sacrificios de touros, por iso os seus altares vólvense moreas de pedras nos sucos do campo. 13 Xacob fuxiu ó campo de Siria, e Israel serviu coma servo por causa dunha muller, e por unha muller gardou rabaños. 14 Pero o Señor fixo subir a Israel de Exipto mediante un profeta, e por medio dun profeta foi pastoreado Israel. 15 Efraím provocoulle ó Señor unha amarguísima pena, pero El esparexerá sobre Efraím o sangue vertido, o meu Señor devolveralle as súas inxurias. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)