Oseas 11 - Biblia SEPTREFLEXIÓN TEOLÓXICA SOBRE A HISTORIA Perspectivas salvíficas de futuro 1 Cando Israel era escravo, eu ameino, e de Exipto chamei ós seus fillos. 2 Cando máis os chamaba, máis marchaban de onda min. Ofrecían sacrificios ós Baales, ofrendaban incenso ós ídolos. 3 Pero eu ensináralle a Efraím a camiñar, tíñao collido nos meus brazos, e non quería saber que eu era o seu médico. 4 Coas cordas das miñas mans acollinos, con brazos de amor, e fun para eles coma quen lles levanta o xugo do pescozo, ligueinos a min e dáballes de comer. 5 Certo que volverá ó país de Exipto, e ó rei de Asiria, que será o seu rei, pois non quixeron arrepentirse. 6 Así a espada dirixirase contra os seus príncipes, e acabará cos sacerdotes que profiren oráculos, e devorará parte dos seus conselleiros. 7 E o meu pobo persistirá na súa caída, ó Supremo El invocará e non celebrará ó Deus Único. 8 Como te vou entregar, Efraím? Como te vou deixar, Israel? Como te vou entregar igual ca Ademah? Como te vou volver igual ca Seboim? O meu corazón revólvese contra min, ó mesmo tempo que a miña compaixón se conmove. 9 Non provocarei o incendio da miña ira, non volverei a destruír a Efraím, pois son Deus, e non un home, o Santo no medio de ti: non te volverei a destruír. 10 Camiñarán tralo Señor, que ruxirá coma un león. Si, el ruxirá e os seus fillos virán tremendo desde occidente. 11 Virán tremendo desde Exipto coma paxariños, e coma pombas desde o país de Asiria: fareinos volver ás súas casas —é o Señor quen fala—. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)