Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Oseas 10 - Biblia SEPT


Efraím e Israel xuntan os seus crimes: perecerá o rei de Israel

1 Israel está regada coma un bacelo, madúralle o froito; igual que a chuvia cae sobre o seu froito, así multiplica el os altares; como as precipitacións caen sobre a súa terra, así mellora el as estelas.

2 O seu entendemento está morto; están perdidos. O Señor mesmo vai descabezar os seus altares, vai arrasar as súas estelas.

3 Si, agora xa poden dicir: "Non temos rei, pois non respectamos o Señor. E o rei, que pode facer en favor noso?"

4 Si, falan cousas, fan xuramentos en falso, conclúen alianzas, medran os preitos coma a herba velenosa nos sucos do campo.

5 Os habitantes de Samaría estremécense, por mor do becerro de Bet-Aven, pois por el fai lamentación o seu pobo, por el fan lamentación os seus sacerdotes, envorcállanse pola riqueza do becerro que marchou ó desterro, lonxe del.

6 Tamén o levarán a Asiria, coma tributo para o gran rei. Efraím recollerá a vergonza, e Israel avergonzarase do seu plano.

7 Desaparecerá Samaría, o seu rei será coma escuma sobre a auga

8 e serán destruídos os outeiros da iniquidade, o pecado de Israel. Cardos e silvas medrarán sobre os seus altares; entón diranlles ás montañas: "Esmagádenos", e ós outeiros: "Caede sobre nós".

9 Desde os días de Guibah pecaches, Israel; permaneciches no pecado. De certo, a guerra collerate en Guibah.

10 Cando eu desexe mal contra os fillos da Maldade, fareinos desaparecer, e xuntaranse os pobos contra eles, porque xuntaron os seus dous crimes.

11 Efraím é unha xovenca amansada, á que lle gusta trillar, por isto eu póñolle o xugo por riba e xungo o seu fermoso pescozo; Efraím xunguida, Xudá ara, oh, Xacob!

12 Sementade para vós conforme a xustiza, recollede segundo a fidelidade á Alianza. Decruade para vós a anovada, si, e tamén un suco para buscar o Señor, ata que veña e teñades a chuvia ó seu tempo.

13 Arastes a maldade, recollestes a iniquidade, e comestes o froito da falsidade. Por poñeres a confianza no teu poder, na multitude dos teus valentes soldados,

14 un clamor levántase contra a fortaleza e todos os teus fortes son arrasados, o mesmo que Xalmán arrasou a Bet-Arbel, o día da batalla, cando estrelaron a nai contra os seus fillos.

15 Así farán convosco, Betel, por culpa das vosas enormes maldades: A alba perecerá aniquilado o rei de Israel.

Lean sinn:



Sanasan