Oseas 1 - Biblia SEPT1 Palabra do Señor que lle veu a Oseas, fillo de Beerí, durante os reinados de Ozías, Iotam, Acaz e Ezequías, reis de Xudá, e durante o reinado de Ieroboam, fillo de Ioax, rei de Israel. I. SIMBOLISMO DO MATRIMONIO E FAMILIA DE OSEAS Datos históricos e o seu simbolismo 2 Comezo da palabra do Señor a Oseas. Díxolle o Señor a Oseas: "Vai, escolle para ti unha muller dada á prostitución, e xera fillos de prostitución, pois o país estase prostituíndo, deixando de ir tralo Señor". 3 Entón foi e colleu a Gomer, filla de Diblaím, que concibiu, e deulle a luz un fillo. 4 Daquela, díxolle o Señor: "Ponlle de nome Iezrael, porque dentro de pouco pedireille contas á casa de Iehú do sangue vertido en Iezrael e porei fin ó seu reinado na casa de Israel. 5 Sucederá no día aquel, que romperei o arco de Israel, no val de Iezrael". 6 Volveu ela a concibir, e deu a luz unha meniña, e o Señor díxolle a el: "Ponlle de nome Non Compadecida, pois non volverei seguir compadecéndome da casa de Israel, senón que lles retirarei completamente (a miña compaixón). 7 (Pero compadecereime da casa de Xudá e farei que se salve grazas ó Señor, seu Deus, e non grazas ó arco, nin grazas á espada, nin grazas á guerra, ós cabalos e cabaleiros)". 8 Cando ela destetou a Non Compadecida, concibiu e deu a luz un fillo. 9 Entón o Señor díxolle: "Ponlle de nome Non meu pobo, porque vós non sodes o meu pobo, e eu son Non estou aquí para vós". |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)