Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Números 9 - Biblia SEPT


Regulamento da Pascua

1 O Señor díxolle a Moisés no deserto de Sinaí no segundo ano da súa saída de Exipto, no primeiro mes:

2 —"Celebren os fillos de Israel a Pascua no tempo sinalado.

3 O día catorce dese mes á tardiña celebrarédela de acordo con todas as súas disposicións e conforme a todos os ritos e indicacións".

4 Moisés mandoulles ós fillos de Israel que celebrasen a Pascua.

5 Celebrárona o día catorce do mes, á tardiña, no deserto de Sinaí, en conformidade con todo o que lle mandara o Señor a Moisés: así fixeron os israelitas.

6 E sucedeu que algúns homes estaban impuros porque se achegaron a un cadáver e non puideron celebrar a Pascua aquel día. Foron entón aquel mesmo día onda Moisés e Aharón, e dixéronlles:

7 —"Nós estamos impuros por mor dun cadáver, por que habemos nós de ser privados de facermos a ofrenda do Señor ó seu tempo no medio dos fillos de Israel?"

8 Moisés respondeulles: —"Esperade, mentres eu consigo a resposta do Señor para vós".

9 O Señor faloulle a Moisés:

10 —"Dilles ós fillos de Israel: Se algún de vós ou dos vosos descendentes se encontra impuro por un cadáver ou está de viaxe lonxe de vós, poderá celebrar a Pascua en honor do Señor;

11 celebrarana o mes segundo, o día catorce, á tardiña. Celebrarédela comendo do pan asmo e herbas amargas.

12 Non deixarán nada dela para a mañá seguinte, nin lle crebarán ningún óso. Han celebrar a Pascua seguindo ó pé da letra todo o establecido.

13 Canto ó home que, estando impuro e non se encontrando de viaxe, non celebra a Pascua, deberá ser exterminado de entre seu pobo, por non ofrecer o seu sacrificio ó Señor no tempo indicado. Ese home cargará co seu pecado.

14 E se morase convosco un estranxeiro e quixese celebrar a Pascua en honra do Señor, conforme o regulamento da Pascua e seguindo ó pé da letra as regras todas, deberao facer tamén así: unha soa é a lei para vós e para os estranxeiros, así como para os nativos do país".


A nube

15 O día mesmo en que se erixiu o Tabernáculo, a Nube cubriu o Tabernáculo pola parte da Tenda do Testemuño, e á tarde houbo sobre o Tabernáculo ata á mañá como unha especie de lume.

16 Así acontecía continuamente: a Nube cubríao de día, e de noite aparecía coma unha especie de lume.

17 Cando a Nube se levantaba de enriba da Tenda, os fillos de Israel púñanse en marcha, e no lugar onde a Nube paraba, alí acampaban os fillos de Israel.

18 Os fillos de Israel camiñaban obedecendo a orde do Señor e de acordo coa orde do Señor acampaban. Todo o tempo que a Nube estaba parada sobre o Tabernáculo, permanecían no mesmo lugar.

19 Cando a Nube se detiña moitos días sobre o Tabernáculo, os fillos de Israel observaban as ordes do Señor, e non partían.

20 Outras veces a Nube permanecía sobre o Tabernáculo certo número de días. Por orde do Señor acampaban e por orde do Señor partían.

21 As veces a Nube quedaba só da tarde á mañá, pero en canto a Nube se elevaba pola mañá, eles partían;

22 ás veces dous días, un mes ou un ano, en tanto que a Nube se detiña sobre o Tabernáculo, os fillos de Israel permanecían acampados e non partían; pero en canto ela se elevaba, levantaban o campamento.

23 Por orde do Señor acampaban e por orde do Señor partían, gardando as normas, como lles ordenara o Señor por medio de Moisés.

Lean sinn:



Sanasan