Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Números 8 - Biblia SEPT


O candelabro

1 Faloulle o Señor a Moisés:

2 —"Dille a Aharón: Cando teñas montadas as lámpadas, as sete lámpadas deben alumar de cara á parte dianteira do candelabro".

3 Fíxoo así Aharón, facendo montar as súas lámpadas pola parte dianteira do candelabro, como lle mandara o Señor a Moisés.

4 Este era o traballo artístico do candelabro: todo de ouro batido a martelo, tanto o pé coma todos os seus brazos, todo de ouro batido a martelo: segundo a visión que o Señor mostrara a Moisés, así se fixo o candelabro.


Consagración dos levitas

5 Díxolle o Señor a Moisés:

6 —"Toma os levitas do medio dos fillos de Israel e purifícaos.

7 Para os purificar, farás deste xeito: asperxeralos con auga de expiación; logo pasarán a navalla por todo o seu corpo, lavarán os seus vestidos: así quedarán purificados.

8 Despois tomarán un xovenco coa súa ofrenda de flor de fariña, amasada con aceite, como oblación, e ti tomarás outro xovenco que ofrecerás coma expiación polo pecado.

9 Farás que se aproximen os levitas diante da Tenda do Encontro, e alí congregarás a toda a comunidade dos fillos de Israel.

10 Entón farás que se acerquen os levitas ante o Señor e os fillos de Israel imporán as súas mans sobre os levitas.

11 Aharón ofrecerá os levitas diante do Señor, como ofrenda dos fillos de Israel, e así quedarán dedicados ó servizo do Señor.

12 Logo os levitas imporán as súas mans sobre a cabeza dos xovencos; deles ofrecerás un en sacrificio polo pecado e outro en holocausto ó Señor, para faceres expiación polos levitas.

13 Colocarás despois os levitas de pé diante de Aharón e de seus fillos, e farás o xesto de ofrecelos ó Señor.

14 Separarás así os levitas de entre os fillos de Israel, e os levitas serán para min.

15 Despois disto, os levitas entrarán ó servizo da Tenda do Encontro, e purificaralos: farás deles unha ofrenda,

16 porque eles son unha verdadeira ofrenda, doada a min, entre todos os fillos de Israel, en lugar de todos os primoxénitos, os que abren o seo materno de entre os fillos de Israel. Eu escollinos para min.

17 Porque meus son todos os primoxénitos dos fillos de Israel, tanto de homes como de animais; eu consagreinos para min, desde o día en que ferín a todos os primoxénitos na terra de Exipto.

18 Escollín os levitas en lugar de todos os primoxénitos de Israel,

19 e, tirándoos do medio do pobo, entreguéillelos a Aharón e a seus fillos, para que me sirvan polos fillos de Israel na Tenda do Encontro e para que ofrezan expiación polos fillos de Israel, de sorte que non veña ningunha praga entre os israelitas cando se aproximen ó santuario".

20 Moisés e Aharón e toda a asemblea dos fillos de Israel fixeron, acerca dos levitas, canto lle ordenara o Señor a Moisés ó respecto: así fixeron acerca deles os fillos de Israel.

21 Os levitas purificáronse e lavaron os seus vestidos. Aharón fixo o xesto de ofrecelos na presenza do Señor, e logo fixo expiación por eles, para os purificar.

22 Despois disto os levitas entraron a facer o servizo na Tenda do Encontro, diante de Aharón e seus fillos. Tal como o Señor ordenara a Moisés acerca dos levitas, así fixeron con eles.

23 O Señor díxolle a Moisés:

24 —"Isto é o que incumbe ós levitas: desde a idade de vinte e cinco anos para arriba entrarán a prestar servizo na Tenda do Encontro;

25 mais ó chegaren ós cincuenta anos, retiraranse das súas funcións e xa non servirán máis.

26 Poderán axudar ós seus irmáns na Tenda do Encontro, facendo garda, pero servizo non o farán. Así has facer no referente ó servizo dos levitas.

Lean sinn:



Sanasan