Números 6 - Biblia SEPTA lei dos nazireos 1 Faloulle o Señor a Moisés: 2 —"Dilles ós fillos de Israel: Calquera home ou muller que fagan voto de nazireato e queiran consagrarse ó Señor, 3 non poderán beber viño nin bebidas embriagadoras, nin vinagre de viño, nin outras bebidas fermentadas de uva, nin comerá uvas frescas ou pasas. 4 Mentres lles dure o nazireato, non tomarán nada que veña do froito das cepas, nin das sementes nin do bagazo. 5 En todo o tempo do nazireato non pasará a navalla pola cabeza, ata que se completen os días da súa consagración ó Señor: será reservado para o Señor e deixará crecer os cabelos da súa cabeza. 6 En todo o tempo da súa consagración ó Señor como nazireo non poderá tocar o cadáver de ningún morto. 7 Para non se contaminar, non se achegará ó cadáver nin de seu pai, nin de súa nai, nin de seu irmán, nin da súa irmá, porque leva na súa cabeza o sinal de estar consagrado a Deus. 8 Durante todo o tempo do seu nazireato está consagrado ó Señor. 9 Mais se por un casual morre de súpeto alguén á súa beira, e queda impuro o sinal do nazireato que leva na cabeza, rapará logo a cabeza no día da súa purificación, isto é, no sétimo día. 10 E no oitavo día irá onda o sacerdote á porta da Tenda do Encontro, levando dúas rulas ou dous pombiños. 11 O sacerdote fará o sacrificio con un deles polo pecado, e ofrecerá o outro en holocausto para expiar por el, para lle borrar a mancha contraída por se achegar ó cadáver. Quedará purificada a súa cabeza nese mesmo día. 12 Consagrará de novo ó Señor os días do seu voto de nazireo, e presentará un año dun ano para expiar pola culpa, e non lle valerán os días do voto xa pasados, porque foi contaminado o seu nazireato. Final do tempo do nazireato 13 Esta é a lei do nazireato: o día en que se complete o prazo do seu nazireato, será conducido á entrada da Tenda do Encontro, 14 e ofrecerá a súa ofrenda ó Señor: un año dun ano sen defecto, que se queimará en holocausto, e unha aña dun ano, tamén sen defecto para a expiación dos seus pecados, e un carneiro sen mancha para o sacrificio de comuñón; 15 e tamén un cesto de bolos de pan asmo de flor de fariña triga, amasada con aceite, e tortas sen fermento cociñadas con aceite, e todo o que se precisa para a oblación e as libacións destes sacrificios. 16 O sacerdote presentará todo ó Señor e ofrecerá o sacrificio expiatorio polo pecado, e mais o holocausto. 17 Ofrecerá o carneiro como sacrificio de comuñón en honor ó Señor, xunto coas cousas do cesto e ofrecerá ademais as correspondentes libacións. 18 Diante da porta da Tenda do Encontro o nazireo rapará a súa cabeza, recollerá os cabelos consagrados polo voto de nazireo e botaraos ó lume, que arde debaixo da vítima dos sacrificios de comuñón. 19 Despois o sacerdote collerá a pá asada do carneiro, e un bolo de pan sen fermento do cesto dos ázimos e unha torta sen fermento, e porá todo isto na palma da man do nazireo, despois que teña acabado de lle rapar a cabeza consagrada. 20 O sacerdote abalarao todo ritualmente diante do Señor: é unha cousa santa que lle pertence a el, ademais do peito, que tamén abalará, e da perna dianteira, que presentará ó Señor do mesmo xeito. Despois disto o nazireo poderá xa beber viño. 21 Esta é a lei do nazireo que fixo un voto, cando presente a súa ofrenda ó Señor para a súa consagración, ademais do que poida engadir. Procederá de acordo coas promesas que fixo ó formular o voto, conforme a lei do nazireato". A bendición solemne 22 O Señor faloulle a Moisés: 23 —"Dilles a Aharón e a seus fillos: desta maneira habedes de bendicir os fillos de Israel: 24 Que o Señor te bendiga e te garde. 25 Que o Señor faga brillar sobre ti o seu rostro e se compadeza de ti. 26 Que o Señor che mostre o seu rostro e che conceda a paz. 27 Eles invocarán así o meu nome en favor dos fillos de Israel e eu bendicireinos". |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)