Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Números 5 - Biblia SEPT


Leis hixiénicas e sociais

1 Díxolle o Señor a Moisés:

2 —"Manda ós fillos de Israel que boten fóra do campamento a todo leproso, a todo o que padece gonorrea e a todo o contaminado por un cadáver.

3 Sexa home ou muller, botádeos fóra do campamento, para que non contaminen o lugar onde moro eu no medio deles".

4 Os fillos de Israel fixérono así e botáronos fóra do campamento. Tal como llo mandara o Señor a Moisés, así o fixeron.

5 Díxolle o Señor a Moisés:

6 —"Dilles ós fillos de Israel: o home ou a muller que cometa unha inxustiza contra o seu próximo, ofendendo así ó Señor e volvéndose culpable,

7 confesará o pecado cometido, e restituirá todo o dano causado co recargo dun quinto, e entregarallo a aquel a quen llo fixera.

8 Se xa non houber un parente a quen restituír, o que se había de restituír ofrecerallo ó Señor, sendo para o sacerdote, e ademais ofrecerá o carneiro da expiación para conseguir a súa purificación.

9 A ofrenda de toda clase de cousas que ofrezan os fillos de Israel ó sacerdote, pertenceralle a este.

10 A ofrenda sagrada de cada home será del mesmo, mais a que un dá para o sacerdote, será deste".

11 Faloulle o Señor a Moisés:

12 —"Dilles ós fillos de Israel: Todo home a quen a súa muller se lle extravía e comete contra el infidelidade,

13 e dorme con outro home, pero a infidelidade non chega ó coñecemento do marido, por cometela en segredo e non existir testemuña ningunha contra ela nin ser sorprendida no acto;

14 se entón o espírito dos celos se apodera do home e este se cela da súa muller, sexa que ela cometese infidelidade, sexa que non a cometese,

15 o home levará a súa muller ante o sacerdote e fará unha ofrenda por ela: un décimo de efah de fariña de cebada, sen lle botar aceite nin lle pór enriba o incenso, por tratarse dunha ofrenda de celos para descubrir unha falta.

16 O sacerdote fará que se poña de pé diante do altar, na presenza do Señor.

17 Tomará o sacerdote auga bendita nun vaso de barro cocido e agarrando po do chan do Tabernáculo, mesturarao coa auga.

18 O sacerdote colocará de pé á muller diante do Señor, descubriralle a cabeza e porá nas súas mans a ofrenda recordatoria dos celos; mentres, el agarrará na súa man as augas amargas da maldición.

19 O sacerdote esconxurará á muller dicíndolle: Se ningún home estraño durmiu contigo e se non cometiches ningunha infidelidade contra o teu home, que te vexas libre da maldición destas augas amargas.

20 Mais se te apartaches do teu home e te manchaches dándote a outro home distinto do teu, deitándote con el

21 (o sacerdote mandaralle facer o xuramento da maldición á muller, e diralle:) faga o Señor baixar contra ti a maldición, e fágate maldita no medio do teu pobo; que as túas pernas perdan as forzas e que inche o teu ventre;

22 que estas augas amargas da maldición entren nas túas entrañas e che fagan inchar o ventre e enfraquecer as coxas. A muller responderá: Amén, amén.

23 O sacerdote escribirá logo esta maldición nunha folla, que botará moída nas augas amargas.

24 Despois faralle beber á muller estas augas amargas da maldición, que entrarán nela.

25 E collerá o sacerdote da man da muller a ofrenda dos celos e axitaraa diante do Señor e ofreceraa sobre o altar.

26 E collerá o sacerdote unha manchea de gran da ofrenda e queimaraa no altar; e despois daralle a beber as augas á muller.

27 Despois que a muller as beba, se ela de verdade está manchada por cometer unha infidelidade contra o seu home, ó entraren nela as augas amargas da maldición, incharalle o ventre e enfraqueceranlle as coxas, e a muller será aldraxada por todo o seu pobo.

28 Pero se a muller non ten culpa, senón que é inocente, non lle fará mal ningún, recobrará a honra e terá descendencia.

29 Esta é a lei dos celos, pola que se rexerá a muller que, apartándose do seu home, comete algunha infidelidade;

30 e tamén do home, en quen entra o espírito dos celos e entra en sospeita contra a súa muller. El faraa comparecer diante do Señor, para que o sacerdote a someta a toda esta lei.

31 O marido quedará limpo de culpa, e a muller cargará con toda a súa iniquidade".

Lean sinn:



Sanasan