Números 33 - Biblia SEPTResume das etapas da viaxe 1 Estas son as etapas dos fillos de Israel, que saíron de Exipto por unidades militares baixo o mando de Moisés e Aharón. 2 Moisés anotou por escrito os puntos de partida, etapa por etapa, por orde do Señor. Estas son as súas etapas conforme os seus puntos de partida. 3 Partiron de Ramsés no primeiro mes, o día quince do mes primeiro. O día seguinte da Pascua saíron os fillos de Israel coa man levantada, ós ollos de todo Exipto, 4 mentres os exipcios enterraban a todos os seus primoxénitos, que o Señor ferira de morte, como proba de que era máis poderoso cós seus deuses. 5 Partiron, pois, os fillos de Israel de Ramsés, e acamparon en Succot. 6 Partiron de Succot e acamparon en Etam, que está ó extremo do deserto. 7 Partiron de Etam, e volveron polo camiño de Pihahirot —que está fronte a Baal-Sefón—, e acamparon diante de Migdol. 8 E saíron de Pihahirot, e atravesaron polo medio do mar de cara ó deserto; andaron o camiño de tres días no deserto de Etam e acamparon en Marah. 9 Partiron de Marah, e chegaron a Elim, onde había doce fontes de auga e setenta palmeiras, e alí acamparon. 10 Partiron de Elim, e acamparon na beira do Mar Rubio. 11 Partiron do Mar Rubio, e acamparon no deserto de Sin. 12 Partiron do deserto de Sin, e acamparon en Dofcah. 13 Partiron de Dofcah, e acamparon en Alux. 14 Partiron de Alux, e acamparon en Refidim, onde non había auga que beber para o pobo. 15 Partiron de Refidim, e acamparon no deserto de Sinaí. 16 Logo partiron do deserto de Sinaí e acamparon en Quibrot-ha-tavah. 17 Partiron de Quibrot-ha-tavah e acamparon en Haserot. 18 Partiron de Haserot e acamparon en Ritmah. 19 Partiron de Ritmah, e acamparon en Rimón-Peres. 20 Partiron de Rimón-Peres e acamparon en Libnah. 21 Partiron de Libnah e acamparon en Rissah. 22 Partiron de Rissah e acamparon en Quehelatah. 23 Partiron de Quehelatah e acamparon no monte Xéfer. 24 Partiron do monte Xéfer e acamparon en Haradah. 25 Partiron de Haradah e acamparon en Maquelot. 26 Partiron de Maquelot e acamparon en Táhat. 27 Partiron de Táhat e acamparon en Térah. 28 Partiron de Térah e acamparon en Mitcah. 29 Partiron de Mitcah e acamparon en Hasmonah. 30 Partiron de Hasmonah e acamparon en Moserot. 31 Partiron de Moserot, e acamparon en Bene-Iacán. 32 Partiron de Bene-Iacán e acamparon en Hor-ha-Guidgad. 33 Partiron de Hor-ha-Guidgad e acamparon en Iotbatah. 34 Partiron de Iotbatah, e acamparon en Abronah. 35 Partiron de Abronah, e acamparon en Esion-Guéber. 36 Partiron de Esion-Guéber e acamparon no deserto de Sin, isto é, Cadex. 37 Partiron de Cadex e acamparon no monte Hor, na fronteira do país de Edom. 38 O sacerdote Aharón subiu ó monte Hor por orde do Señor e alí morreu o ano corenta da saída dos fillos de Israel do país de Exipto, no mes quinto, a primeiros do mes. 39 Aharón tiña cento vintetrés anos cando morreu sobre o monte Hor. 40 Entón tivo noticia o rei cananeo de Arad, que moraba no Négueb, no país de Canaán, da chegada dos fillos de Israel. 41 Partiron do monte Hor e acamparon en Salmonah. 42 Partiron de Salmonah e acamparon en Funón. 43 Partiron de Funón e acamparon en Obot. 44 Partiron de Obot e acamparon en Lie-ha-Abarim, fronteira de Moab. 45 Partiron de Lie-ha-Abarim, e acamparon en Dibon-Gad. 46 Partiron de Dibon-Gad e acamparon en Almon-diblataim. 47 Partiron de Almon-diblataim e acamparon nos montes de Abarim, de fronte de Nebó. 48 Partiron dos montes de Abarim e acamparon nas planicies de Moab, xunto ó Xordán, de fronte de Iericó. 49 Acamparon xunto ó Xordán desde Bet-ha-Ieximot ata Abel-ha-Xitim, nas planicies de Moab. 50 O Señor díxolle a Moisés nas planicies de Moab, onda o Xordán, de fronte de Iericó: 51 —"Fálalles ós fillos de Israel: Cando pasedes o Xordán cara ó país de Canaán, 52 expulsaredes de diante de vós a todos os habitantes do país; destruiredes todas as súas pedras esculpidas e todas as súas estatuas de metal fundido, e derrubaredes todos os seus altares. 53 Tomaredes posesión do país e habitarédelo; a vós douvos o país como herdanza. 54 Repartiredes o país por sorte, segundo as vosas familias: ó máis numeroso darédeslle herdade maior, e ó máis pequeno darédeslle unha herdanza máis pequena. Aquilo que lle toque en sorte a cada un, seu será; collerédelo en propiedade segundo as vosas tribos paternas. 55 Pero se non expulsades de diante de vós ós moradores do país, acontecerá que os que deles ficaren serán para vós como espiñas nos vosos ollos e como lanzas nas illargas, e hanvos perseguir na terra onde habitedes; 56 e o que pensei facerlles a eles, faréivolo a vós". |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)