Números 32 - Biblia SEPTReparto da terra alén do Xordán 1 Os fillos de Rubén e os fillos de Gad posuían numerosos rabaños, moi importantes, e tras contemplar o país de Iazer e o de Galaad, viron que o lugar era sitio propio para rabaños. 2 Viñeron, pois, os fillos de Gad e os de Rubén e dixéronlles a Moisés, ó sacerdote Elazar e ós príncipes da comunidade: 3 —"Atarot, Dibón, Iazer, Nimrah, Hexbón, Elaleh, Sibmah, Nebó e Beón, 4 este país que o Señor fixo caer diante da comunidade de Israel é terra de rabaños, e os teus servos posúen rabaños. 5 Se encontramos graza ós teus ollos, dános en posesión ós teus servos este territorio, non nos fagas atravesar o Xordán". 6 Moisés, con todo, díxolles ós fillos de Gad e ós fillos de Rubén: —"Como van ir vosos irmáns á guerra e vosoutros ides quedar sentados? 7 Por que queredes desanimar ós fillos de Israel, para que non pasen á terra que o Señor lles deu? 8 Así fixeron vosos pais cando eu os mandei desde Cadex-Barnea a explorar o país. 9 Subiron ata o val de Excol, e viron o país; logo desanimaron ós fillos de Israel para que non fosen ó país que o Señor lles dera. 10 Aquel día acendeuse a ira do Señor, e xurou dicindo: 11 Os homes de vinte anos para arriba que subiron do Exipto non verán a terra que prometín con xuramento a Abraham, Isaac e Xacob, porque non me seguiron sen dúbidas, 12 Agás Caleb, fillo de Iefuneh, o quenita, e Xosué, fillo de Nun, pois estes seguiron ó Señor sen desconfiar. 13 Irouse o Señor contra Israel, e fíxoos andar errantes polo deserto corenta anos ata que fose extinta toda aquela xeración que fixera o mal na presenza do Señor. 14 E velaí que agora vós levantádesvos no lugar de vosos pais para aumentardes aínda máis o furor da cólera do Señor contra Israel! 15 Se deixades de o seguir, El alongará máis a vosa morada no deserto, e vós seredes a causa do exterminio de todo este pobo". 16 Entón, aproximáronselle e dixeron: —"Edificaremos aquí currais para os nosos rabaños e cidades para os nosos fillos; 17 mais nós ímonos armar de forza e iremos de seguida á fronte dos fillos de Israel, ata que os cheguemos a meter no seu lugar; e, mentres, os nosos fillos ficarán nas cidades fortificadas, por causa das incursións dos habitantes deste país. 18 Non volveremos para as nosas casas ata que os fillos de Israel non teñan herdado cada un a súa herdanza; 19 pois non temos de herdar nada con eles do lado de alá do Xordán, xa que nosoutros temos as nosas herdades na ribeira leste do Xordán". 20 Díxolles Moisés: —"Se facedes isto que decides, se vos armades de forza diante do Señor para ir á batalla, 21 e todos os vosos homes de guerra atravesan o Xordán diante do Señor, ata que dea expulsado ós seus inimigos da súa presenza, 22 e todo o país fique sometido, e despois volvedes, entón ficaredes libres perante o Señor e perante Israel, e teredes esta terra en propiedade diante do Señor. 23 Mais se non obrades así, pecaredes contra o Señor, e sabede que o voso pecado caerá sobre vós. 24 Construídevos, pois, cidades para vosos fillos e currais para o voso rabaño, e facede o que acabades de prometer". 25 Entón os fillos de Gad e os fillos de Rubén contestáronlle a Moisés: —"Os teus servos farán conforme o meu Señor ordena. 26 Os nosos fillos, as nosas mulleres, os nosos rabaños e todo o noso gando ficarán aí, nas cidades de Galaad; 27 mais os teus servos, cada un dos que está equipado para a batalla, irán á guerra diante do Señor, segundo o que o meu señor dispón". 28 Entón Moisés deu orde acerca deles ó sacerdote Elazar, a Xosué, fillo de Nun, e ós xefes de familia das tribos israelitas. 29 Díxolles Moisés: —"Se os fillos de Gad e os fillos de Rubén pasan convosco o Xordán, equipados todos para a guerra diante do Señor, e o país é sometido ante vós, darédeslles a terra de Galaad en posesión; 30 mais se convosco non pasan equipados, terán a súa herdanza no medio de vós no país de Canaán". 31 Os fillos de Gad e os fillos de Rubén contestaron: —"O que o Señor dixo ós teus servos, iso faremos. 32 Nós pasaremos equipados diante do Señor ó país de Canaán, pero a nosa herdanza tocaranos na ribeira de acá do Xordán". 33 Moisés deulles ós fillos de Gad e ós fillos de Rubén e a media tribo de Menaxés, fillo de Xosé, o reino de Sihón, rei dos amorreos, e o reino de Og, rei de Baxán, o país coas cidades incluídas dentro das súas fronteiras e as cidades do país situadas no contorno. 34 Os fillos de Gad reedificaron Dibón, Atarot, Aroer, 35 Atarot-Xofán, Iazer, Iogbohah, 36 Bet-Nimrah e Bet-Harán, cidades fortificadas e currais para o gando menor. 37 Os fillos de Rubén reedificaron Hexbón, Elalé, Quiriataim, 38 Nebó e Baal-Meón, cambiándolles o nome, e Sibmah, e puxéronlles nomes novos ás cidades que reedificaron. 39 Os fillos de Maquir, fillo de Menaxés, marcharon a Galaad e apoderáronse dela, botando ós amorreos que alí habitaban. 40 Moisés deu Galaad a Maquir, fillo de Menaxés, que se estableceu nela. 41 Iair, fillo de Menaxés, foi e apoderouse das aldeas deles, e chamounas Aldeas de Iair. 42 Nóbah foi e apoderouse de Quenat e das súas aldeas do arredor, e chamounas Nóbah, conforme o seu nome. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)