Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Números 31 - Biblia SEPT


Derrota dos madianitas

1 Díxolle o Señor a Moisés:

2 —"Vinga nos madianitas ós fillos de Israel. Despois xuntaraste cos antepasados do teu pobo".

3 Moisés faloulle ó pobo: —"Disponde os homes para a guerra e vaian contra Madián, a fin de lles dar a vinganza do Señor nos madianitas.

4 Mil por tribo, de todas as tribos de Israel, enviaredes á guerra".

5 Foron, pois, escollidos das lexións de Israel mil por tribo, isto é, doce millares armados para a milicia.

6 Moisés enviounos á milicia mil por tribo, ás ordes de Pinhas, fillo do sacerdote Elazar, portador dos obxectos sagrados e das trompetas de alarma.

7 Eles pelexaron contra Madián, conforme lle mandara o Señor a Moisés, e mataron a todos os varóns.

8 Amais dos soldados mortos mataron tamén ós reis de Madián: Evi, Requem, Sur, Hur e Reba, cinco reis madianitas. Ademais mataron á espada a Balaam, fillo de Beor.

9 Os fillos de Israel ademais levaron cativas ás mulleres de Madián, cos seus meniños e saquearon todo o seu gando, todos os seus rabaños e toda a súa facenda.

10 A todas as súas cidades nos seus diversos lugares de residencia e a todos os seus campamentos prendéronlles lume.

11 Colleron todo o botín e toda a presa feita en homes e en gando,

12 e conduciron os cativos, o botín e mais a presa a Moisés, a Elazar, o sacerdote, e á comunidade dos fillos de Israel, que estaban no campamento situado nas planicies de Moab, xunto do Xordán, fronte a Xericó.

13 Moisés, o sacerdote, Elazar e todos os príncipes da comunidade saíron ó seu encontro fóra do campamento.

14 Moisés irouse contra os xefes do exército, xenerais e centurións que volvían da expedición guerreira,

15 e díxolles: —"Mais por que deixastes con vida a todas estas mulleres?

16 Ollade! Elas son as que por instigación de Balaam induciron ós fillos de Israel a apostataren do Señor por mor de Peor, e por esa causa caeu o castigo enriba da comunidade do Señor.

17 Agora, pois, matade a todo varón entre os meniños e a toda muller que fixese o acto sexual con home.

18 Pero reservade con vida para vós a todas as rapazas que non tiveron relacións sexuais con varón.

19 E vós quedade fóra do campamento durante sete días. Todos os que matastes unha persoa e cantos tocastes un cadáver, purificarédesvos no terceiro e sétimo día, tanto vós coma os vosos prisioneiros.

20 Purificade tamén todo vestido, todo obxecto de pel, todo utensilio feito de pel de cabra e todo utensilio de madeira".

21 O sacerdote Elazar díxolles ós homes da milicia que foran ó combate: —"Este é o precepto legal que o Señor ordenou a Moisés:

22 O ouro, a prata, o bronce, o ferro, o estaño e o chumbo,

23 todo o que resiste o lume, farédelo pasar polo lume e será puro; non obstante, terá de ser purificado coa auga lustral. E todo o que non resiste o lume, pasarédelo pola auga.

24 O día sétimo lavaredes os vosos vestidos, e seredes puros; e despois poderedes entrar no campamento".


Reparto do botín

25 Díxolle o Señor a Moisés:

26 —"Fai o inventario do botín collido en homes e gando, ti, o sacerdote Elazar e os xefes das casas paternas da comunidade.

27 Dividirás pola metade o botín entre os combatentes que foron á guerra e toda a comunidade.

28 Separarás para o Señor, como tributo dos guerreiros que foron á guerra, unha cabeza de cada cinco centos, tanto dos homes como dos bois, dos asnos e das ovellas;

29 collerédelo da metade que lles corresponde e daralo ó sacerdote Elazar como primicia para o Señor.

30 Da metade correspondente ós fillos de Israel tomarás a porcentaxe do un por cincuenta, tanto dos homes como dos bois, dos asnos e das ovellas, de todos os animais, e darásllelo ós levitas encargados do servizo do Tabernáculo do Señor".

31 Moisés e o sacerdote Elazar fixeron como lle ordenara o Señor a Moisés.

32 O botín que o exército tomara coma presa foi: ovellas, 675.000 cabezas;

33 bois, 72.000;

34 Asnos, 71.000;

35 en canto a persoas, mulleres que non tiveran relacións con home, o total era de 32.000.

36 A metade adxudicada ós que foran á guerra deu un total de: ovellas, 337.500;

37 destas corresponden como tributo para o Señor 675.

38 Bois, 36.000, e o seu tributo para o Señor, 72.

39 Asnos, 30.500, e o seu tributo para o Señor, 61.

40 Persoas, 16.000, e o seu tributo para o Señor, 32.

41 Moisés entregou o tributo como primicia do Señor ó sacerdote Elazar, conforme o Señor lle ordenara.

42 Canto á metade correspondente ós fillos de Israel que Moisés apartara da dos guerreiros,

43 esa metade da comunidade foi: ovellas, 337.500;

44 bois, 36.000;

45 Asnos, 30.500;

46 persoas, 16.000.

47 Moisés tomou desa metade dos israelitas a porcentaxe do un por cincuenta, tanto dos homes como dos animais, e entregouno ós levitas, que desempeñaban o servizo do Tabernáculo do Señor, conforme o Señor lle ordenara.

48 Logo presentáronse ante Moisés os xefes das unidades militares, os xenerais e os centurións,

49 e dixéronlle a Moisés: —"Os teus servos fixeron a conta dos combatentes que había á nosa disposición, e non faltou nin sequera un deles.

50 Presentamos, pois, como ofrenda ó Señor cada un o que gañou en obxectos de ouro: brazaletes, pulseiras, aneis, pendentes e colares, a fin de que sexa propiciatoria polas nosas almas ante o Señor".

51 Moisés e o sacerdote Elazar aceptaron deles o ouro: toda sorte de obxectos traballados con arte.

52 O total de ouro que presentaron ó Señor procedente dos xenerais e os centurións, foi 16.750 siclos.

53 Os soldados collérano cada un para si.

54 Moisés e o sacerdote Elazar tomaron o ouro dos xenerais e os centurións, e levárono á Tenda do Encontro, como lembranza dos fillos de Israel ante o Señor.

Lean sinn:



Sanasan