Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Números 3 - Biblia SEPT


Número e funcións dos levitas

1 Estes son os descendentes de Moisés e Aharón, no día en que lle falou o Señor a Moisés no monte Sinaí.

2 E os nomes dos fillos de Aharón son: Nadab, o seu primoxénito, Abihú, Elazar e Itamar.

3 Estes son os nomes dos fillos de Aharón, consagrados e unxidos, para exerceren o sacerdocio con plenitude de poderes.

4 Mortos Nadab e Abihú na presenza do Señor, por prenderen un lume profano diante del no deserto do Sinaí, e non deixando fillos, quedaron só Elazar e Itamar para exercer o sacerdocio baixo a autoridade do seu pai Aharón.

5 Díxolle o Señor a Moisés:

6 —"Manda viren os da tribo de Leví á presenza de Aharón, para que o axuden no seu servizo.

7 Encargaranse de facer todas as gardas que lles correspondan a el e á comunidade reunida na Tenda do Testemuño e farán así todos os servizos do tabernáculo.

8 Coidarán todos os ornamentos e demais obxectos da Tenda da Alianza e procurarán todo canto lles cumpra ós israelitas reunidos no tabernáculo.

9 Porás os levitas baixo as ordes de Aharón e de seus fillos, e serán como unha oblación perfecta de entre os fillos de Israel para o seu servizo.

10 Para Aharón e seus fillos farás un estatuto das funcións que eles poderán desempeñar no exercicio do seu sacerdocio; calquera estraño que llelas queira usurpar será castigado coa morte".

11 Díxolle o Señor a Moisés:

12 —"Velaí que eu escollín de entre os fillos de Israel os levitas no lugar de todos os primoxénitos, de todos os que abren o seo materno, entre os fillos de Israel. Os levitas serán da miña pertenza,

13 porque todo primoxénito é meu, desde o día en que ferín a todos os primoxénitos na terra de Exipto e consagrei para min todo primoxénito de Israel, tanto dos homes como dos animais. Serán meus. Eu son o Señor".

14 Díxolle o Señor a Moisés no deserto do Sinaí:

15 —"Alista a todos os fillos de Leví por casas patriarcais e por familias, a todos os varóns desde un mes para arriba".

16 Moisés fixo o censo conforme a palabra do Señor, tal como lle ordenara facer.

17 Estes son os fillos de Leví polo seu nome: Guerxón, Quehat e Merarí.

18 E estes outros son os nomes dos fillos de Guerxón, segundo as súas familias: Libní e Ximí.

19 E os fillos de Quehat, conforme as súas familias: Amrán, Ishar, Hebrón e Uziel.

20 Os fillos de Merarí conforme as súas familias: Mahlí e Muxí. Estas son as familias de Leví polas súas casas patriarcais.

21 De Guerxón naceu a familia de Libní e a de Ximí, ámbolos dous son os guerxonitas.

22 Anotados por número todos os varóns dun mes para arriba, deu un total de 7.500.

23 As familias dos guerxonitas acampaban detrás do Tabernáculo pola banda do solpor.

24 O xefe da casa dos guerxonitas era Eliasaf, fillo de Lael.

25 O coidado dos fillos de Guerxón, tanto na Tenda do Encontro coma no Tabernáculo, estaba a tenda mesma, a súa cuberta e a cortina de entrada na Tenda do Encontro,

26 As cortinas do adro, a cortina da entrada do mesmo, que se pón por enriba e ó redor do altar, e as cordas e todos os demais utensilios.

27 De Quehat descenden as familias de Amraní, de Isharí, de Hebrón e de Uziel: todos eles son a familia de Quehat.

28 Os nomes de todos os varóns de máis de un mes para arriba suman un total de 8.600, todos eles encargados da custodia do santuario.

29 As familias dos descendentes de Quehat acampaban a carón do tabernáculo polo mediodía.

30 O xefe dos quehatitas era Elisafán, fillo de Uziel.

31 Tiñan ó seu cargo o coidado da Arca, da mesa, do candelabro, dos altares e demais utensilios sagrados do culto, da cortina e de todo o que se precisa no seu servizo.

32 O xefe supremo dos levitas era Elazar, fillo do sacerdote Aharón, a quen tiñan que obedecer todos os encargados do coidado do santuario.

33 De Merarí descenden as familias de Mahlí e de Muxí: estas son as familias meratitas.

34 Censados todos os varóns de máis dun mes para arriba, fixeron un total de 6.200.

35 O cabeza da casa patriarcal de Merarí era Suriel, fillo de Abihail, e tiñan que acampar polo costado norte do Santuario.

36 O cargo dos fillos de Merarí estaba coidar as táboas do Tabernáculo, as trabes, as columnas coas súas bases e todos os demais utensilios precisos para o seu servizo;

37 e tamén as columnas que están ó redor do adro, coas súas bases, cravos e cordas.

38 Os que acamparan diante do Tabernáculo, diante da Tenda do Encontro, polo abrente, son Moisés, Aharón, os seus fillos e os encargados das quendas da garda do santuario dos fillos de Israel; calquera estraño que se achegue, será condenado a morte.

39 O número de todos os levitas anotados por Moisés e Aharón, conforme a palabra do Señor, segundo a súa familia, todos os varóns de máis dun mes, sumaron un total de 22.000.


Os levitas substitúen ós primoxénitos

40 Díxolle o Señor a Moisés: —"Anota a todos os primoxénitos varóns dos fillos de Israel, dun mes para arriba, e fai unha lista de todos os seus nomes.

41 Collerás para min —Eu son o Señor!— todos os levitas no canto dos primoxénitos dos israelitas, e os animais dos levitas no canto de todos os primoxénitos dos animais dos israelitas".

42 Moisés anotou, como lle mandara facer o Señor, a todos os primoxénitos dos fillos de Israel.

43 Contados todos os nomes dos varóns primoxénitos dun mes para arriba, deu un total de 22.273.

44 O Señor díxolle de novo a Moisés:

45 —"Colle os levitas no canto de todos os primoxénitos dos fillos de Israel, e os animais dos levitas no canto dos animais dos israelitas: serán todos para min. Eu son o Señor!

46 Como prezo do rescate polos douscentos setenta e tres primoxénitos dos israelitas que exceden do número dos levitas,

47 recibirás, por cada un, cinco siclos, do valor dos siclos de santuario, de vinte óbolos cada siclo.

48 Entregarás o diñeiro a Aharón e a seus fillos, é o prezo do rescate polos que exceden do seu número".

49 Colleu Moisés o diñeiro do rescate polos que excedían do número dos rescatados polos levitas.

50 Polos primoxénitos dos fillos de Israel, colleu en diñeiro 1.375 siclos, dos do santuario.

51 E Moisés deulles o diñeiro do rescate a Aharón e a seus fillos, tal como llo mandara o Señor.

Lean sinn:



Sanasan