Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Números 29 - Biblia SEPT


Festas do outono

1 No sétimo mes, no día primeiro do mes, celebraredes asemblea santa e non faredes obra ningunha servil; será para vós día de aclamación coas trompetas.

2 Ofreceredes un holocausto de aroma grato para o Señor: un xovenco, un carneiro, sete años dun ano sen defecto.

3 A súa oblación de flor de fariña amasada co aceite será de catro quilos polo xovenco, dous quilos e medio polo carneiro

4 e un quilo e medio por cada un dos sete años,

5 e ademais un chibo en sacrificio polo pecado para facerdes expiación por vós,

6 sen contar o holocausto do mes e mais a súa oblación, o holocausto perpetuo e mais a súa oblación, ademais das libacións preceptuadas, en sacrificio con lume de grato aroma para o Señor.

7 O dez dese sétimo mes teredes unha asemblea santa, e faredes penitencia e non realizaredes obra ningunha servil.

8 Ofreceredes en holocausto de aroma grato ó Señor un xovenco, un carneiro, sete años dun ano sen defecto.

9 A súa oblación de flor de fariña amasada no aceite será de catro quilos polo xovenco, dous quilos e medio polo carneiro,

10 e un quilo e medio por cada un dos sete años.

11 Un macho cabrún en sacrificio polo pecado, sen contar o sacrificio expiatorio e o holocausto perpetuo, coa súa oblación e mais as súas libacións.

12 O día quince do sétimo mes teredes unha asemblea santa; non faredes obra ningunha servil e celebraredes a festa do Señor durante sete días.

13 Ofreceredes un holocausto, sacrificio de aroma grato ó Señor: trece xovencos, dous carneiros, catorce años dun ano, sen defecto.

14 A súa oblación de flor de fariña amasada no aceite será de catro quilos por cada un dos trece xovencos, dous quilos e medio por cada un dos carneiros

15 e un quilo e medio por cada un dos catorce años;

16 un macho cabrún en sacrificio polo pecado, ademais do holocausto perpetuo coa súa oblación e mais a súa libación.

17 No segundo día: doce xovencos, dous carneiros, catorce años dun ano sen defecto;

18 Así como a súa oblación e mais as súas libacións polos xovencos, os carneiros e os años, segundo o número deles, conforme ó regulamentado.

19 Ademais diso, un macho cabrún en sacrificio polo pecado, amais do holocausto perpetuo, a súa oblación e mais as súas libacións.

20 No día terceiro: once xovencos, dous carneiros, catorce años dun ano sen defecto;

21 e tamén a súa oblación e mais as súas libacións polos xovencos, os carneiros e os años, segundo o número deles, conforme o regulamentado.

22 Ademais diso, un macho cabrún en sacrificio polo pecado, á parte do holocausto perpetuo, a súa oblación e mais a súa libación.

23 No día cuarto: dez xovencos, dous carneiros, catorce años dun ano sen defecto;

24 A súa oblación e mais as súas libacións polos xovencos, os carneiros e os años, segundo o número deles, conforme ó regulamentado.

25 Ademais diso, un macho cabrún en sacrificio polo pecado, á parte do holocausto perpetuo, a súa oblación e mais a súa libación.

26 No día quinto: nove xovencos, dous carneiros, catorce años dun ano sen defecto;

27 coa súa oblación e mais as súas libacións polos xovencos, os carneiros e os años, segundo o número deles, conforme o regulamentado.

28 Ademais diso, un macho cabrún en sacrificio polo pecado, amais do holocausto perpetuo e a súa oblación e mais a súa libación.

29 No día sexto: oito xovencos, dous carneiros, catorce años dun ano sen defecto;

30 coa súa oblación e mais as súas libacións polos xovencos, os carneiros e os años, segundo o número deles, conforme o regulamentado.

31 Ademais diso, un macho cabrún en sacrificio polo pecado, á parte do holocausto perpetuo, a súa oblación e mais a súa libación.

32 No día sétimo: sete xovencos, sete carneiros, catorce años dun ano sen defecto;

33 coa súa oblación e mais as súas libacións polos xovencos, os carneiros e os años, segundo o número deles, conforme o regulamentado.

34 Ademais diso, un macho cabrún en sacrificio polo pecado, á parte do holocausto perpetuo, a súa oblación e mais a súa libación.

35 No día oitavo teredes a asemblea; non faredes obra ningunha servil.

36 Ofreceredes un holocausto, sacrificio de aroma grato ó Señor: un xovenco, un carneiro, sete años dun ano sen defecto;

37 coa súa oblación e mais as súas libacións correspondentes polos xovencos, o carneiro e os años, segundo o número deles, conforme o regulamentado.

38 Ademais diso, un macho cabrún en sacrificio polo pecado, á parte do holocausto perpetuo, a súa oblación e mais a súa libación.

39 Tales son as cousas que faredes en honra do Señor nas vosas solemnidades, á parte dos vosos votos e ofrendas voluntarias, dos vosos holocaustos, oblacións, libacións e mais sacrificios pacíficos".

Lean sinn:



Sanasan