Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Números 28 - Biblia SEPT


Sacrificios e festas

1 O Señor díxolle a Moisés:

2 —"Ordénalles ós fillos de Israel: Coidaredes de me ofrecer ó seu tempo a miña ofrenda, o manxar debido, como sacrificio de grato recendo ó ser queimado.

3 Tamén lles dirás: Este é o sacrificio para ser queimado que tendes de ofrecer ó Señor: años dun ano sen defecto, dous cada día, en holocausto perpetuo.

4 O primeiro año ofrecerédelo pola mañá, e o segundo á tardiña;

5 con quilo e medio de flor de fariña, como oblación amasada cun litro de aceite refinado.

6 Tal é o holocausto perpetuo que foi ofrecido no monte Sinaí de grato aroma, sacrificio para o Señor.

7 E a súa correspondente libación de viño de uva será dun litro por cada año; no Santuario hase verter a libación, bebida fermentada para o Señor.

8 O segundo año ofreceralo á tardiña: farás como para a oblación da mañá e a mesma libación. É un sacrificio con lume de grato aroma para o señor.

9 No día de sábado ofreceredes dous años dun ano sen defecto e, como oblación, dous quilos e medio de flor de fariña amasada no aceite, coa súa correspondente libación.

10 É o holocausto de cada sábado, que se engade ó holocausto perpetuo e mais á súa libación.

11 Cada día primeiro de mes ofreceredes en holocausto ó Señor dous xovencos, un carneiro, sete años dun ano, sen defecto;

12 e tamén catro quilos de flor de fariña en oblación amasada no aceite, por cada un dos xovencos; dous quilos e medio de flor de fariña amasada no aceite, como oblación polo carneiro;

13 e un quilo e medio de flor de fariña, como oblación amasada en aceite, por cada año. É un holocausto de aroma grato, un sacrificio con lume para o Señor.

14 E as súas libacións serán: dous litros e medio de viño por xovenco, un litro e medio por carneiro e un litro por cada año. Tal é o holocausto mensual, de cada mes, para os meses do ano.

15 Tamén un chibo en sacrificio polo pecado: ofrecerase, coa súa libación, ademais do sacrificio perpetuo.


A Pascua

16 No mes primeiro, no día catorce do mes, é a Pascua do Señor.

17 O día quince dese mes é a festa; comeranse pans ácimos durante sete días.

18 O día primeiro haberá asemblea santa; non faredes obra ningunha servil.

19 Ofreceredes en sacrificio como holocausto ó Señor, dous xovencos, un carneiro e sete años dun ano, sen defecto.

20 A súa oblación será de flor de fariña amasada en aceite: catro quilos polo xovenco e dous quilos e medio polo carneiro.

21 Ofreceredes un quilo e medio por cada un dos sete años.

22 Ademais, un chibo en sacrificio polo pecado para facerdes expiación por vós.

23 Faredes tales ofrendas sen contardes o holocausto da mañá, que forma parte do holocausto perpetuo.

24 Faredes isto cada un dos sete días: é un alimento, sacrificio con lume de grato aroma para o Señor. Farase coa súa libación, ademais do holocausto perpetuo.

25 No sétimo día celebraredes unha asemblea santa e non faredes nel obra ningunha servil.

26 O día das Primicias, cando ofrezades unha oblación nova ó Señor, na vosa festa das Semanas, teredes unha asemblea santa; non faredes nela obra ningunha servil.

27 Ofreceredes en holocausto de aroma grato para o Señor dous xovencos, un carneiro, sete años dun ano.

28 A súa oblación de flor de fariña amasada no aceite consistirá en catro quilos por cada xovenco, dous quilos e medio polo único carneiro,

29 e un quilo e medio por cada un dos sete años,

30 Ademais un chibo para facer expiación por vós.

31 Ofreceredes isto ademais do holocausto perpetuo e a súa oblación. Escollerédelos sen defecto, coas súas libacións correspondentes.

Lean sinn:



Sanasan