Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Números 27 - Biblia SEPT


Dereito hereditario das fillas

1 Presentáronse entón as fillas de Selofad, fillo de Héfer, fillo de Galaad, fillo de Maquir, fillo de Menaxés, fillo de Xosé. Estes son os nomes das fillas daquel: Mahlah, Noah, Hoglanh, Milcah e Tirsah.

2 Presentáronse, pois, ante Moisés, ante Elazar, sacerdote, e ante os príncipes e toda a comunidade á entrada da Tenda do Encontro, dicindo:

3 —"O noso pai morreu no deserto, pero el non figurou na facción dos que conspiraron contra o Señor, na facción de Coré; senón que morreu polo seu pecado e non tivo fillos.

4 Por que deixar que o nome do noso pai desapareza de entre os da súa familia por non ter fillos varóns? Dádenos unha propiedade entre os irmáns do noso pai!"

5 Moisés entón presentou a causa delas ante o Señor.

6 O Señor respondeulle a Moisés:

7 —"Din ben as fillas de Selofad. Daraslles unha propiedade entre os irmáns de seu pai, e pásalles a herdanza do pai deles.

8 E ós fillos de Israel falaraslles nestes termos: Cando un home morra sen ter fillos varóns, pasarédeslles a herdanza ás súas fillas;

9 e se non ten fillas, daredes a súa herdanza a seus irmáns.

10 Se non tiver irmáns, daredes a súa herdanza ós irmáns de seu pai;

11 e se seu pai non tiver irmáns, daredes a súa herdanza ó seu parente máis próximo dentro da súa familia, que será o seu dono". Isto será para os fillos de Israel unha norma de dereito, conforme o Señor llo ordenou a Moisés.


Elección de Xosué

12 Díxolle o Señor a Moisés: —"Sube a este monte dos Abarim, e contempla o país que lles teño destinado ós fillos de Israel!

13 Cando o teñas visto, teraste que xuntar cos devanceiros do teu pobo, como se xuntou o teu irmán Aharón,

14 porque ámbolos dous no deserto de Sin, na rebelión da comunidade, fostes rebeldes á miña orde de declararme santo ós seus ollos mediante a auga, a auga de Meribah, no deserto de Sin".

15 Moisés respondeulle ó Señor:

16 —"Señor, Deus do espírito de todo ser vivo, sinala sobre a comunidade un home que a dirixa e se poña á súa cabeza,

17 que os leve e os traia, para que a comunidade do Señor non sexa coma rabaño sen pastor!"

18 O Señor contestoulle a Moisés: —"Escolle a Xosué, fillo de Nun, home no cal reside o Espírito; e impón sobre el a túa man!

19 Preséntao logo diante de Elazar, sacerdote, e diante de toda a comunidade, e dálle ordes na súa presenza.

20 Daraslle unha parte da túa dignidade, para que o obedezan todos os da comunidade dos fillos de Israel.

21 Deberá presentarse a Elazar, sacerdote, quen consultará por el o xuízo dos Urim ante o Señor. Por orde súa sairán e por orde súa regresarán, el e mais todos os fillos de Israel con el, toda a comunidade".

22 Moisés fixo como lle ordenara o Señor: colleu a Xosué e presentouno ante Elazar, sacerdote, e ante a comunidade;

23 impuxo sobre el as súas mans e deulle as súas ordes, conforme o Señor llo mandara.

Lean sinn:



Sanasan