Números 24 - Biblia SEPTOráculos de Balaam 1 Viu Balaam que lle agradaba ó Señor que bendicise a Israel, e non foi, como as outras veces, buscar agoiros, senón que volveu o seu rostro para o deserto. 2 Levantou os ollos e viu a Israel acampado por tribos, e o espírito do Señor descendeu sobre el. 3 Entón pronunciou o seu oráculo: —"Oráculo de Balaam, fillo de Beor, oráculo do varón de ollo penetrante, 4 oráculo de quen oe as palabras de Deus, de quen ve as visións do Todopoderoso; que cae e se lle abren os ollos. 5 Que fermosas son as túas tendas, Xacob; e as túas moradas, Israel! 6 Son longos coma vales, cal xardíns á beira do río, coma áloes plantados polo Señor, coma cedros a carón das augas. 7 A auga corre das súas nubes, e a súa sementeira crecerá ben regada. Máis loado ca Agag será o seu rei, exaltado será o seu reino. 8 Deus, que o tirou do Exipto, é para el coma a forza do rinoceronte. Devora as nacións inimigas súas, creba os seus ósos, e traspásaos coas súas frechas. 9 Reclínase, déitase coma un león, como unha leoa: quen o fará levantar? Benditos quen te bendigan, e quen te maldigan, malditos!". 10 A ira de Balac acendeuse contra Balaam, bateu as mans, e díxolle a Balaam: —"Eu chameite para maldicires os meus inimigos, e xa vai por tres veces que os bendís! 11 Agora, pois, volta para o teu lugar! Eu prometera encherte de honores, pero o Señor privoute deles". 12 Respondeulle Balaam a Balac: —"Non lles dixera eu ós embaixadores que me enviaches: 13 Aínda que Balac me dese a súa casa chea de prata e de ouro, eu non podería transgredir a orde do Señor, facendo pola miña conta cousa boa ou mala; aquilo que diga o Señor, iso direi? 14 Agora, pois, que me vou para o meu pobo, ven, e informareite do que ese pobo ha facer nos días vindeiros!" E Balaam pronunciou o seu oráculo: 15 —"Oráculo de Balaam, fillo de Beor, oráculo do varón de ollo penetrante, 16 oráculo de quen oe as palabras de Deus, e coñece a ciencia do Altísimo, de quen ve as visións do Todopoderoso, que cae e se lle abren os ollos. 17 Véxoo, pero non neste intre; eu avístoo, pero non de cerca: saíu unha estrela de Xacob, e xurdiu un caxato de Israel; crebou as ladeiras de Moab e abateu todos os fillos de Xet. 18 Edom vaise empobrecendo, e empobrécese Seir, o seu inimigo, mentres Israel fai prodixios. 19 De Xacob sairá un Dominador e aniquilará os restos da cidade". 20 Logo viu a Amalec, e pronunciou o seu oráculo: —"É Amalec a primeira das cidades, mais o seu final parará en destrución". 21 Logo viu o quenita, e pronunciou o seu oráculo: —"Firme é a túa morada, e ter o teu niño dentro do penedo! 22 Con todo, Caín será asolado, ata que Asur te conduza cativo". 23 E continuou co seu oráculo: —"Ai, quen vivirá cando Deus faga isto! 24 Virán navíos de parte dos quititas e asoballarán Asur e arrasarán Éber, e tamén el irá á ruína". 25 Logo Balaam partiu e volveu para o seu país. Tamén Balac proseguiu o seu camiño. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)