Números 23 - Biblia SEPTBalaam bendí a Israel 1 Díxolle Balaam a Balac: —"Edifícame aquí sete altares e prepárame neste lugar sete touros e sete carneiros". 2 Balac fixo como Balaam dixera e ofreceu un touro e un carneiro sobre cada altar. 3 Logo díxolle Balaam a Balac: —"Fica onda o teu holocausto, mentres eu me afasto; quizais saia o Señor ó meu encontro, e todo o que El me revele, eu comunicareicho". E marchou a un lugar afastado. 4 Deus saíu ó encontro de Balaam, quen lle dixo: —"Teño preparados os sete altares e ofrecín un touro e un carneiro sobre cada altar". 5 O Señor puxo unha palabra na boca de Balaam, e dixo: —"Torna a Balac, e falaraslle así". 6 Tornou, pois, a el, e encontrouno de pé onda o seu holocausto, con todos os príncipes de Moab. 7 Entón pronunciou o seu oráculo: —"Desde Aram faime vir Balac, o rei de Moab desde as montañas do Oriente: Ven, díxome, maldí a Xacob! Ven, impreca a Israel! 8 Como vou maldicir a quen El non maldiciu? Como vou detestar eu a quen non detestou o Señor? 9 En verdade, desde o cume dos penedos eu o vexo, e desde o curuto dos outeiros eu o contemplo: Velaí un pobo que habita só, e entre as nacións non se conta. 10 Quen puido contar a multitude de Xacob e quen enumerar a cuarta parte de Israel? Morra eu coa morte dos xustos e sexa o meu futuro semellante ó deles!". 11 Entón Balac díxolle a Balaam: —"Que é o que me fixeches? Para maldicir os meus inimigos fíxente vir, e ti non fas máis que bendicilos!" 12 Balaam respondeulle dicindo: —"Por ventura non teño que ter coidado en dicir aquilo que Deus pon nos meus labios?" 13 E díxolle Balac: —"Ven, por favor, comigo a outro sitio desde onde poidas velo! Soamente verás a súa parte extrema, mais todo el non o verás. Maldío desde alí!" 14 Levouno entón ó Campo das sentinelas, no cume do Pisgah, e construíu sete altares, ofrecendo un touro e un carneiro sobre cada altar. 15 E díxolle a Balac: —"Queda aquí onda o teu holocausto, mentres eu saio aí ó encontro". 16 O Señor veu ó encontro de Balaam, e póndolle a palabra na súa boca, díxolle: —"Torna a Balac, e falarás así!" 17 Foi onda el e atopouno de pé onda o seu holocausto, acompañado dos príncipes de Moab. Preguntoulle Balac: —"Que che dixo o Señor? 18 Entón el pronunciou o seu oráculo: —"Levántate Balac, e escoita, óeme, fillo de Sipor! 19 Non é Deus home para mentir, nin fillo de home para que se poida desdicir. É El quen di e non fai, ou quen fala e non cumpre? 20 Eu recibín orde de bendicir, bendicín, e non o podo cambiar. 21 Non se viu culpa en Xacob, nin se viu maldade en Israel. O Señor, o seu Deus, está con el, nel é aclamado coma rei. 22 Deus, que o tirou do Exipto, é para el como a forza do rinoceronte. 23 Non existe maxia en Xacob, nin adiviñacións en Israel. O seu tempo diráselle a Xacob e a Israel o que El vai facer. 24 Velaquí un pobo que se levanta coma unha leoa, e se ergue coma un león; non se deitará ata que dea devorado a presa e o sangue das súas vítimas dea bebido". 25 Entón Balac díxolle a Balaam: —"Xa que non podes maldicilo, polo menos non o bendigas!" 26 Mais Balaam respondeulle a Balac: —"Non cho anunciei, dicindo: Todo o que o Señor diga, iso hei facer?" 27 Entón Balac díxolle a Balaam: —"Ven, por favor, levareite a outro lugar! Quizais sexa do agrado de Deus que os maldigas desde alí!" 28 E Balac conduciu a Balaam ó cume do Peor, que olla para o deserto. 29 Balaam díxolle a Balac: —"Constrúeme aquí sete altares e prepárame sete touros e sete carneiros". 30 Balac fixo conforme Balaam lle indicara, e ofreceu un touro e un carneiro en cada altar. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)