Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Números 22 - Biblia SEPT


Episodio de Balaam

1 Marcharon os fillos de Israel, e acamparon nas planicies de Moab, alén do Xordán, á vista de Iericó.

2 Balac, fillo de Sipor, coñeceu todo canto Israel lles fixera ós amorreos,

3 e Moab colleu moito medo véndose diante dun pobo tan grande, pois era numeroso, e encheuse de medo por mor dos fillos de Israel.

4 Díxolles Moab ós anciáns de Madián: —"Agora esa multitude pastará todos os nosos arredores como pasta un touro a herba do campo. Balac, fillo de Sipor, era rei de Moab por aquel tempo.

5 E enviou mensaxeiros a Balaam, fillo de Beor, a Petor, que está xunto ó río, no país dos amonitas, para o chamar, dicíndolle: —"Velaí que un pobo saíu de Exipto, que cobre a superficie do país e está á beira do meu territorio.

6 Ven, axiña, por favor, maldí a este pobo, porque é máis poderoso ca min: quizais así poderei vencelo e expulsalo do país, pois sei que aquel a quen ti bendís é bendito, e maldito aquel a quen ti maldís".

7 Foron os anciáns de Moab e os anciáns de Madián levando nas súas mans os cartos da adiviñación, e cando chegaron a Balaam expuxéronlle as palabras de Balac.

8 El díxolles: —"Quedádevos aquí esta noite, e eu dareivos resposta, conforme ma diga o Señor". E os príncipes de Moab quedáronse con Balaam.

9 Entón Deus veu onda Balaam e preguntoulle: —"Quen son eses homes que están contigo?"

10 Balaam respondeulle a Deus: —"Balac, fillo de Sipor, rei de Moab, mandounos onda min, para que me dixesen:

11 Velaí que un pobo que saíu do Exipto cobre a superficie de toda a terra. Ven, axiña e maldío! Quizais así poida eu combater con el e expulsalo".

12 Pero Deus díxolle a Balaam: —"Non irás con eles nin maldicirás a ese pobo, pois é un pobo bendito!"

13 Balaam levantouse pola mañá e díxolles ós príncipes de Balac: —"Volvede para o voso país, porque o Señor negouse a deixarme ir convosco".

14 Entón os príncipes de Moab levantáronse, foron onda Balac e dixéronlle: —"Balaam negouse a vir connosco".

15 Balac volveu de novo a enviar príncipes máis numerosos e ilustres ca aqueles.

16 E ó chegaren onda Balaam, dixéronlle: —"Así falou Balac, fillo de Sipor: Pídocho por favor que non te prives de vir onda min,

17 pois heite de honrar cos maiores honores e hei facer todo canto digas. Ven, pois, por favor: maldí a este pobo!"

18 Balaam respondeulles ós servos de Balac: —"Aínda que Balac me dese toda a súa casa chea de prata e ouro, eu non podería ir contra a orde do Señor meu Deus, para dicir nin pouco nin moito.

19 Quedádevos tamén vós aquí esta noite, para vos facer saber o que me diga de novo o Señor".

20 Veu Deus a Balaam de noite e díxolle: —"Se te viñeron chamar uns homes, érguete e vai con eles, pero has facer o que eu che mande".

21 Ergueuse Balaam pola mañá, aparellou a súa burra e partiu cos príncipes de Moab.

22 Pero cando el marchaba, acendeuse a cólera de Deus, e o Anxo do Señor atravesóuselle no camiño para llo impedir. El ía cabalgando na súa burra acompañado de dous criados.

23 Cando a burra viu o Anxo do Señor parado no camiño coa súa espada na man, desviouse do camiño e foise polo campo. Balaam comezou a bater na burra para facela volver ó camiño.

24 Entón o Anxo do Señor chantouse nunha congostra entre as viñas, con sebes por unha beira e pola outra.

25 A burra, que viu o Anxo do Señor, arrimouse contra o valado e premeulle o pé de Balaam contra o valado. Entón el volveu bater nela.

26 O Anxo do Señor volveu pasar diante e chantouse nun carreiro estreito, onde non se podía ir nin pola dereita nin pola esquerda.

27 A burra viu o Anxo do Señor e deitouse baixo os pés de Balaam, quen se alporizou e fustrigou a burra co caxato.

28 Entón Iavé abriulle a boca á burra, e esta díxolle a Balaam: —"Que che fixen eu para me bateres desta maneira, xa por terceira vez?"

29 E Balaam díxolle á burra: —"Porque te estás burlando de min! Se tivese a man unha espada, agora mesmo te mataría!"

30 E replicoulle a burra a Balaam: —"Non son eu a túa burra, a mesma na que tes cabalgado desde que existes ata hoxe? Acaso fíxenche eu algunha vez cousa semellante?" —"Non", respondeu el.

31 Entón o Señor abriulle os ollos a Balaam, quen viu o Anxo do Señor parado no camiño coa espada desenvaiñada na man, axeonllouse e prostrouse co rostro por terra.

32 E díxolle o Anxo do Señor: —"Por que lle batiches por tres veces á túa burra? Son eu quen se opón a ti, pois o teu camiño é perverso e contrario a min.

33 A burra viume a min e desviouse de diante de min tres veces con esta. Boa sorte tiveches con que se desviase ela, porque arestora xa eu podería terte matado, deixándoa viva a ela".

34 Balaam díxolle entón ó Anxo do Señor: —"Pequei, porque non sabía que ti te opuñas a min no camiño; agora, se che parece mal, darei volta!"

35 O Anxo do Señor contestoulle a Balaam: —"Vaite con eses homes, pero soamente o que eu che indique, iso has falar". Balaam marchou, logo, cos príncipes de Balac.

36 Cando Balac oíu que chegaba Balaam, saíu ó seu encontro a unha cidade de Moab situada no límite do Arnón, no extremo da fronteira.

37 Balac díxolle a Balaam: —"Non che enviara embaixadores para te chamar? Por que non viñeches a min? Non podo por ventura recompensarte?"

38 E Balaam respondeulle a Balac: —"Velaquí que eu vin a ti agora! Mais poderei eu, por ventura, falar algo? A palabra que Deus poña na miña boca, esa falarei".

39 E Balaam foise con Balac, e chegaron a Quiriat-Husot.

40 Balac degolou bois e ovellas, e enviou parte a Balaam e ós príncipes que o acompañaban.

41 A mañá seguinte, Balac tomou a Balaam e fíxoo subir a Bamot-Baal, desde onde se vía o extremo do pobo.

Lean sinn:



Sanasan