Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Números 21 - Biblia SEPT

1 Cando o cananeo rei de Arad, que habitaba no Négueb, oíu que Israel viña polo camiño dos exploradores, atacou a Israel e fixo algúns prisioneiros.

2 Entón Israel fixo un voto ó Señor dicindo: —"Se pos na miña man a este pobo, eu hei dar ó exterminio todas as súas cidades".

3 O Señor escoitou a voz de Israel, e entregoulle os cananeos; e foron dados ó exterminio eles e as súas cidades, e aquel lugar chamouse co nome de Anatema.


A serpente de bronce

4 E marcharon do monte Hor polo camiño do Mar Rubio, rodeando o país de Edom, e o pobo comezou a esmorecer polo camiño.

5 E murmuraba o pobo contra Deus e contra Moisés: —"Por que nos fixestes saír de Exipto para morrermos no deserto, pois falta o pan, non hai auga, e a nosa alma sente noxo dese alimento tan miserable?"

6 O Señor enviou contra o pobo serpes velenosas, que o morderon, e morreu moita xente de Israel.

7 O pobo foi onda Moisés e dixéronlle: —"Pecamos por falarmos contra o Señor e contra ti; rógalle ó Señor, para que afaste de nós as serpentes!" Moisés rezou polo pobo,

8 e o Señor díxolle a Moisés: —"Fai unha serpente velenosa, e pona no alto dun mastro: cada un dos mordidos que a mire, vivirá".

9 Moisés fixo unha serpente de bronce e púxoa na punta dun mastro; e cada un que fora mordido pola serpente, se miraba para a serpente de bronce, quedaba san.


Cambian o campamento

10 Os fillos de Israel partiron e acamparon en Obot.

11 E de novo marcharon de Obot e acamparon nos outeiros de Habarim, no deserto, que está ó leste de Moab.

12 De alí marcharon e acamparon no torrente de Zared.

13 Marcharon de alí e acamparon do outro lado do Arnón, no deserto que sae do territorio dos amorreos, pois o Arnón constitúe a fronteira entre Moab e o amorreo.

14 Por iso se di no libro das guerras do Señor: —"Vaheb en Sufa e os vales do Arnón,

15 e o declive dos regatos que se inclina cara á veiga do Ar, e repousa na fronteira de Moab".

16 E de alí foron a Beer. Aquí está o pozo ó que se refería o Señor, cando falou con Moisés: —"Xunta o pobo, e eu dareilles auga".

17 Entón Israel cantou este cántico: —"Deita, pozo! Cantádelle!

18 Pozo que os príncipes cavaron, que furaron os nobres do pobo co cetro, cos seus caxatos". E do deserto foron a Matanah;

19 de Matanah a Nahaliel, de Nahaliel a Bamot,

20 e de Bamot ó val que hai no campo de Moab, no cume do Pisga, que olla para o deserto.

21 Entón Israel mandou embaixadores ó rei dos amorreos, dicindo:

22 —"Déixame pasar polo teu país! Nós non nos desviaremos nin polos labradíos nin polas viñas, nin beberemos auga de ningún pozo; iremos pola estrada real, ata pasarmos os teus límites".

23 Pero non permitiu pasar a Israel polo seu territorio, senón que xuntou a todo o seu pobo e saíu ó encontro de Israel no deserto; chegou a Iáhsah e combateu contra el.


Triunfo de Israel

24 Mais Israel derrotouno a fío de espada e apoderouse do seu territorio, desde o Arnón ata o Iaboc, ata os amonitas, porque a fronteira dos fillos de Amón estaba fortificada.

25 Israel tomou, pois, todas aquelas cidades. Estableceuse en todas as cidades dos amorreos, en Hexbón e máis en todas as vilas dos arredores.

26 Porque Hexbón era a cidade de Sihón, rei dos amorreos, que guerreara contra o rei anterior de Moab e lle tomara todo o seu territorio ata o Arnón.

27 Por iso din os poetas: —"Vide a Hexbón, edifíquese e restáurese a cidade de Sihón.

28 Pois un lume saíu de Hexbón, unha chama da cidade de Sihón, que devorou Ar de Moab, e os outeiros de Arnón.

29 Ai de ti, Moab! Estás perdido, pobo de Kemox! Os seus fillos tiveron que andar fuxidos, e as súas fillas foron cativas de Sihón, rei dos amorreos!

30 O xugo de Hexbón foi exterminado! Arruinado está Hexbón ata Dibón; arruinamos ata Nófah, que está xunto a Medebá".

31 Israel, pois, morou na terra dos amorreos.

32 Moisés mandou explorar Iaser, e conquistárona coas súas vilas de arredor, expulsando ós amorreos que moraban alí.

33 Despois cambiaron de dirección e subiron polo camiño de Baxán. Og, rei do Baxán, saíu ó seu encontro, acompañado de todo o seu pobo, presentándolle batalla en Edrei.

34 Entón o Señor díxolle a Moisés: —"Non lle teñas medo, porque xa cho puxen eu na túa man con todo o seu pobo e todo o seu territorio. Farás con el o mesmo que fixeches con Sihón, rei dos amorreos, que habitaba en Hexbón".

35 Vencérono, pois, tamén a el, ós seus fillos e a todo o seu pobo, ata non deixaren nin sequera un vivo, e apoderáronse do seu territorio.

Lean sinn:



Sanasan