Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Números 17 - Biblia SEPT


Castigo dos partidarios de Coré

1 Díxolle o Señor a Moisés:

2 —"Manda que Elazar, fillo do sacerdote Aharón, retire os incensarios que están no medio do lume e que espalle as brasas, porque son santas.

3 Os incensarios deses que morreron polo seu pecado, sexan reducidos a láminas para recubrir o altar, porque foron ofrecidos ó Señor e están santificados. Serviranlles de sinal ós fillos de Israel".

4 O sacerdote Elazar colleu, logo, os incensarios de bronce que ofreceran os mortos polo lume, e laminounos para recubrir o altar.

5 Isto era coma un aviso para os fillos de Israel, a fin de que ningún estraño que non pertenza á descendencia de Aharón se aproxime a queimar incenso diante do Señor e non sufra a sorte de Coré e a súa facción, conforme o Señor lle ordenara por medio de Moisés.


Nova murmuración do pobo e intercesión de Aharón

6 O día seguinte, toda a comunidade dos fillos de Israel murmurou contra Moisés e Aharón, dicindo: —"Vós matastes o pobo do Señor!"

7 E aconteceu que, mentres se xuntaba a comunidade contra Moisés e contra Aharón, estes achegáronse á Tenda do Encontro, e de seguida os cubriu a Nube e apareceu a Gloria do Señor.

8 Moisés e Aharón chegáronse diante da Tenda do Encontro,

9 e o Señor faloulles:

10 —"Retirádevos do medio desta comunidade, pois vouna consumir nun instante!" Eles prostráronse por terra,

11 e Moisés díxolle a Aharón: —"Colle o incensario e pon nel lume collido do altar e bótalle enriba incenso; vai despois axiña ó medio do pobo e ofrece expiación por eles, porque xa saíu a cólera do Señor: xa comezou o castigo".

12 Aharón colleu o incensario, conforme lle indicara Moisés, e foi correndo ó medio do pobo, pois xa comezara o castigo entre o pobo; puxo incenso e fixo a expiación polo pobo.

13 Colocouse de pé entre os mortos e os vivos, e o castigo cesou.

14 Foron os mortos polo castigo 14.700, sen contar os mortos por culpa da revolta de Coré.

15 Aharón volveu onda Moisés, á entrada da Tenda do Encontro, porque o castigo xa cesara.


A vara de Aharón

16 Díxolle o Señor a Moisés:

17 —"Fálalles ós fillos de Israel e toma deles unha vara por cada casa patriarcal, de parte de todos os príncipes, segundo a súa casa paterna, isto é, doce varas. Escribirás o nome de cada un sobre cada vara.

18 Pero na vara de Leví escribirase o nome de Aharón, pois só haberá unha vara por casa patriarcal.

19 E mandaralas pousar na Tenda do Encontro, diante do Testemuño, onde eu me aparezo a ti.

20 Agora ben, acontecerá que a vara do home que eu escolla, florecerá; así farei cesar as queixas, que os fillos de Israel murmuran contra vós".

21 Faloulles Moisés ós fillos de Israel. Todos os seus príncipes lle deron a súa vara, cada un a súa, segundo as casas paternas, ou sexa, doce varas, e a vara de Aharón estaba entre elas.

22 Moisés puxo as varas diante do Señor na Tenda do Testemuño.

23 E aconteceu que ó día seguinte, cando entrou Moisés na Tenda do Testemuño, achou que a vara de Aharón, correspondente á casa de Leví, estaba florecida: aparecéranlle os botóns, saíranlle flores e dera améndoas.

24 Moisés levou da presenza do Señor todas as varas ós fillos todos de Israel. Recoñecéronas, e cada un recolleu a súa.

25 O Señor díxolle a Moisés: —"Torna a levar a vara de Aharón diante do Testemuño, para que sirva de sinal contra os fillos rebeldes, e para que cesen as súas queixas diante de min, e non morran".

26 Fíxoo Moisés; como o Señor lle mandara, así o fixo.

27 Os fillos de Israel dixéronlle a Moisés: —"Mira que somos consumidos, xa perecemos, todos nós perecemos!

28 Calquera que se aproxima ó Tabernáculo do Señor, morre sen remedio! Acaso acabaremos por morrer todos?"

Lean sinn:



Sanasan