Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Números 16 - Biblia SEPT


Revolta de Coré, Datán e Abiram

1 Coré, fillo de Ishar, fillo de Quehat, fillo de Leví; e Datán e Abiram, fillos de Eliab, fillo de Pélet, fillo de Rubén,

2 levantáronse contra Moisés con douscentos cincuenta homes dos fillos de Israel, príncipes da comunidade, membros do consello, persoas que eran das máis significadas e sinaladas polo seu nome.

3 Subleváronse contra Moisés e contra Aharón, e dixéronlles: —"Xa é abondo! Toda a comunidade é santa, todos eles o son, e no medio deles está o Señor. Por que vos elevades vós sobre a comunidade do Señor?"

4 Logo de oír isto, Moisés botouse rostro en terra.

5 Despois díxolles a Coré e a toda a súa facción: —"Mañá o Señor dará a coñecer quen é seu e quen é santo, e farao achegarse a El: ó que teña escollido, farao achegarse.

6 Facede isto: collede cada un o voso incensario, Coré e toda a súa facción,

7 e mañá ponde neles lume e botade enriba incenso diante do Señor. O home que o Señor escolla, ese será o santo. Abonda xa, fillos de Leví!"

8 Moisés díxolle a Coré: —"Escoitade, por favor, fillos de Leví!

9 Parécevos pouco para vós que o Deus de Israel vos separase da comunidade israelita e vos aproximase a El, para que desempeñedes o servizo do Tabernáculo do Señor e para vos manter na presidencia da comunidade e oficiar por ela?

10 Ademais, aproximouvos a ti e a todos os teus irmáns, fillos de Leví, e reclamades aínda o sacerdocio?

11 Ti e toda a túa facción sublevástesvos contra o Señor; pois quen é Aharón para que murmuredes contra el?".

12 Moisés mandou chamar a Datán e Abiram, fillos de Eliab, que responderon: —"Non iremos!

13 É pouco obrigarnos a subir dun país que deita leite e mel, e facernos morrer no deserto, para que, enriba, pretendas tamén señorearte de nós?

14 Abofé, non nos trouxeches a un país que deita leite e mel, nin nos deches en herdanza campos e viñas! Pensas arrincar os ollos desta xente? Non iremos!"

15 Moisés alporizouse moito, e díxolle ó Señor: —"Non te volvas para a súa oblación! Nin un asno só lles quitei nin maltratei a ningún deles".

16 Logo Moisés díxolle a Coré: —"Mañá ti e toda a túa facción presentádevos ante o Señor; ti, eles e mais Aharón.

17 Collede cada un o voso incensario, ponde nel incenso, e ofrecede ante o Señor cada un o voso, en total douscentos cincuenta incensarios. Tamén ti e Aharón, cada un co seu incensario".

18 Colleron, pois, cadanseu incensario, puxeron neles lume, botándolle enriba incenso, e puxéronse á entrada da Tenda do Encontro con Moisés e Aharón.

19 Coré congregara contra eles a toda a comunidade á entrada da Tenda do Encontro. Entón a Gloria do Señor apareceu ante toda a asemblea.

20 O Señor díxolles a Moisés e Aharón:

21 —"Separádevos do medio desta comunidade, para que de improviso os destrúa!"

22 Eles, entón, caeron co rostro por terra e exclamaron: —"Deus, o noso Deus, fonte do espírito de todos os viventes!, acaso, se un home só peca, acenderase a túa ira contra toda a comunidade?"

23 O Señor faloulle a Moisés, para lle dicir:

24 —"Fálalle á comunidade: afastádevos das tendas de Coré, Datán e Abiram!"

25 Levantouse Moisés e foi onda Datán e Abiram e seguírono os anciáns de Israel.

26 Entón díxolle á comunidade: —"Afastádevos, por favor, de onda as tendas destes homes perversos, e non toquedes nada de canto lles pertence, para que non sexades arrastrados no medio dos seus pecados!"

27 Afastáronse, logo, de onda as tendas de Coré, Datán e Abiram. Mentres, Datán e Abiram saíran e mantíñanse firmes á entrada das súas tendas coas súas mulleres, os seus fillos e demais parentes.

28 Entón dixo Moisés: —"Nisto recoñeceredes que o Señor me mandou para facer todas estas accións, e que non fago nada pola miña conta:

29 se todos estes homes morren de morte natural, e lles toca a mesma sorte que a todos os homes, non foi o Señor quen me enviou;

30 pero se o Señor fai un portento e a terra abre a súa boca e os engole con todo o que lles pertence, de sorte que baixen vivos á morada dos mortos, entón saberedes que estes homes blasfemaron contra o Señor".

31 E aconteceu que, tan pronto como acabou de falar, fendeuse a terra debaixo dos seus pés.

32 A terra abriu a súa boca e enguliunos a eles e ás súas familias, toda a xente de Coré e toda a súa facenda.

33 Descenderon, pois, vivos á morada dos mortos, eles e todos os seus; a terra pechouse sobre eles, e desapareceron do medio da comunidade.

34 Todos os israelitas que estaban arredor deles fuxiron ante os seus berros, pois dicían: —"Non sexa que nos engula a terra!".

35 E ó mesmo tempo saíu un lume da parte do Señor e devorou os douscentos cincuenta homes que ofrecían o incenso.

Lean sinn:



Sanasan