Números 14 - Biblia SEPTRebelión do pobo 1 Todo aquel xentío se puxo a berrar, laiándose, e pasou toda a noite chorando. 2 Todos os fillos de Israel murmuraron contra Moisés e Aharón, e toda a xente dicía: —"Oxalá morrésemos no país do Exipto! Oxalá morrésemos neste deserto! 3 Por que nos conduce o Señor a este país, para sermos atravesados pola espada e para que as nosas mulleres e os nosos nenos sexan feitos cativos? Non nos sería mellor volver para o Exipto?" 4 E dicíanse uns para os outros: —"Poñamos un xefe e volvamos para o Exipto!" 5 Moisés e Aharón prostráronse por terra coa cara para abaixo, diante de toda a comunidade dos fillos de Israel. 6 Xosué, fillo de Nun, e Caleb, fillo de Iefuneh, que tamén exploraran a terra, racharon os seus vestidos, 7 e logo dirixiron a palabra a toda a asemblea dos fillos de Israel: —"A terra que percorremos para explorala, é unha terra moi boa. 8 Se o Señor nos é propicio, conduciranos a ese país e daránolo; é un país que deita leite e mel. 9 Pero non vos rebeledes contra o Señor nin temades a xente do país, pois podemos devoralo coma pan; a súa protección apartouse deles, e o Señor está connosco. Non lles teñades medo!" 10 Pero toda a comunidade tratou de apedralos. Entón a Gloria do Señor apareceu na Tenda do Encontro ante todos os fillos de Israel, 11 e o Señor díxolle a Moisés: —"Por canto tempo me ha aldraxar este pobo? Por canto tempo se negará a crer en min, con todos os prodixios que teño feito diante deles? 12 Vou ferilos coa peste e exterminareinos, e despois heite facer príncipe dunha nación maior e máis poderosa do que esta é". 13 Respondeulle Moisés ó Señor: —"Os exipcios oíron que co teu poder sacaches este pobo de entre eles, 14 e dixéronllelo ós habitantes desta terra. Eles oíron que Ti, Señor, estás no medio do teu pobo e te deixas ver cara a cara; que a túa Nube se mantén coma unha columna sobre eles, e nela marchas diante durante o día e en columna de lume pola noite. 15 Se fas morrer a este pobo coma un home só, as xentes que escoitan a túa sona dirán: 16 Iavé foi incapaz de levar a este pobo ó país que lle prometera con xuramento, por iso o destruíu no deserto! 17 Agora, pois, sexa glorificado o poder do meu Señor, conforme ti prometiches, dicindo: 18 O Señor é paciente e rico en misericordia; El perdoa a iniquidade e o crime, mais nada deixa sen castigo, pois fai purificar nos fillos as culpas dos pais ata a terceira e cuarta xeración. 19 Perdoa, pois, a iniquidade deste pobo conforme a magnitude da túa misericordia e conforme o soportaches desde Exipto ata aquí!" 20 O Señor respondeu: —"Eu perdoo conforme a túa palabra. 21 Pero, pola miña vida e pola Gloria do Señor, que enche toda a terra, 22 todos aqueles homes que viron a miña Gloria e os prodixios que fixen no Exipto e no deserto, e me tentaron xa por dez veces, sen escoitaren a miña voz, 23 non han ver o país que con xuramento lles prometín a seus pais: ningún de cantos me aldraxan o verá! 24 Con todo, ó meu servidor Caleb, porque tivo outro espírito consigo e me seguiu fielmente, heino facer entrar no país onde el xa estivo, e a súa posteridade terao en posesión. 25 Mais os amalecitas e os cananeos habitan no val; volvede logo mañá e marchade para o deserto, camiño do Mar Rubio". Castigo dos rebeldes 26 Díxolles o Señor a Moisés e a Aharón: 27 —"Canto tempo vou ter que seguir aguantando esta teimosa turba, que murmura contra min? Eu oín as murmuracións que contra min profiren os fillos de Israel. 28 Dilles: Pola miña vida, palabra do Señor, que conforme vos oín dicirme, así vos vou tratar! 29 Neste deserto caerán os vosos cadáveres, pois todos vós, os que fostes censados, todos desde a idade de vinte anos en diante que murmurastes contra min, 30 non entraredes no país, onde, estendendo a miña man, xurei facervos habitar, excepto Caleb, fillo Iefuneh e Xosué, fillo de Nun. 31 En cambio ós vosos mozos, dos que dixestes: Serviranlles de presa ós inimigos, a eses introducireinos, e coñecerán o país que vós desprezastes. 32 Os vosos propios cadáveres caerán neste deserto, 33 e os vosos fillos andarán errantes no deserto e pagarán as consecuencias das vosas infidelidades, ata que acaben de consumirse no deserto os vosos cadáveres. 34 Conforme os corenta días que tardastes en explorar o país, pagaredes a pena das vosas iniquidades: por cada día un ano, isto é, corenta anos; así saberedes o que é o meu castigo. 35 Eu, o Señor, falei. Seguro que hei tratar así a toda esta multitude perversa que se repuxo contra min. Neste deserto será consumida e nel morrerá!" 36 Os homes que Moisés enviara a explorar a terra e que, ó volveren, fixeran murmurar contra el a toda a multitude, falando mal dela, 37 Aqueles homes que difamaran a terra con perversidade, morreron feridos de morte diante do Señor. 38 Soamente Xosué, fillo de Nun, e Caleb, fillo de Iefuneh, sobreviviron de entre aqueles homes que foran explorar o país. Desfeita dos israelitas 39 Contoulles Moisés todas estas cousas ós fillos todos de Israel, e quedou o pobo moi aflixido. 40 Levantándose pola mañá cedo, subiron ó cume do monte, dicindo: —"Imos rubir aló, a aquel lugar, que nos mandou o Señor, porque pecamos". 41 Moisés díxolles: —"Por que pretendedes ir contra a vontade do Señor? Así non vos vai ir ben. 42 Non subades, pois o Señor non está convosco; non sexa que vos derroten os vosos inimigos. 43 Pois o amalecita e o cananeo están alí contra vós e pereceredes baixo a súa espada, porque vos desviastes do Señor e o Señor non estará convosco". 44 Eles, con todo, obstináronse en subir ó cume do monte. Pero nin a Arca da Alianza do Señor nin Moisés se moveron do interior do campamento. 45 Os amalecitas e os cananeos, que habitaban naquel monte, baixaron e derrotáronos, facéndoos fuxir ata Hormah. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)