Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Números 10 - Biblia SEPT


As trompetas

1 Mandoulle o Señor a Moisés:

2 —"Faite dúas trompetas de prata; faralas batidas a martelo e usaralas para convocar a comunidade e para dar o sinal de levantar o campamento.

3 Cando as fagas soar, xuntarase onda ti toda a comunidade á porta da Tenda do Encontro.

4 Se se toca unha só, virán a ti os príncipes, os xefes das agrupacións de Israel.

5 Cando toquedes con estrondo, deberán levantar o campamento os acampados pola banda do abrente.

6 E cando toquedes con estrondo por segunda vez, deberán levantar o campamento os do mediodía; tocarase, pois, o toque estrondoso para se poren en marcha aqueles.

7 Para congregar a comunidade tamén tocaredes, pero non con estrondo.

8 Os fillos de Aharón, os sacerdotes, tocarán as trompetas, que serán para vós lei perpetua nas vosas xeracións.

9 Cando teñades que saír á guerra, no voso país, contra o inimigo que vos ataca, tocaredes as trompetas con estrondo e o Señor Deus voso acordarase de vós, e seredes liberados dos vosos inimigos.

10 Nos vosos días de xúbilo, nas vosas solemnidades e nos primeiros de mes, tocaredes as trompetas durante os vosos holocaustos e sacrificios de comuñón, para que vos sirvan de memorial na presenza do voso Deus. Eu son o Señor, voso Deus!"


Orde de partir

11 O ano segundo, o segundo mes, o vinte do mes, aconteceu que a Nube se elevou de enriba do Tabernáculo do Testemuño.

12 Os fillos de Israel partiron do deserto de Sinaí por etapas, e a Nube detívose no deserto de Parán.

13 Foi deste xeito como levantaron o campamento por primeira vez, segundo a orde do Señor, dada por medio de Moisés.

14 Partiu a primeira a insignia do campamento dos fillos de Xudá, conforme os seus escuadróns, e como xefe da tropa ía Nahxón, fillo de Aminadab.

15 Como xefe do exército da tribo dos fillos de Isacar ía Natanael, fillo de Suar;

16 e como xefe do exército da tribo dos fillos de Zebulón, Eliab, fillo de Helón.

17 Cando se desarmou o Tabernáculo, comezaron a marcha os fillos de Guerxón e os de Merarí, que cargaban co Tabernáculo.

18 Logo saíu a insignia do campamento de Rubén, segundo os seus escuadróns, e coma xefe da tropa ía Elisur, fillo de Xedeur.

19 Coma xefe do exército da tribo dos fillos de Simeón ía Xelumiel, fillo de Surixadai;

20 e como xefe do exército da tribo dos fillos de Gad, ía Eliasaf, fillo de Deuel.

21 E saíron os quehatitas, levando o obxecto santo; e xa lles ergueran o Tabernáculo antes de chegaren eles.

22 Despois partiu a insignia do campamento dos fillos de Efraím, segundo os seus escuadróns, e coma xefe da tropa ía Elixamá, fillo de Amihud.

23 Coma xefe do exército da tribo dos fillos de Menaxés ía Gamaliel, fillo de Pedahsur;

24 e coma xefe do exército da tribo dos fillos de Benxamín, Abidán, fillo de Guideón.

25 Logo a insignia do campamento dos fillos de Dan, segundo os seus escuadróns. Saíu a derradeira, pechando todos os campamentos, e coma xefe da tropa ía Ahiézer, fillo de Amixadai.

26 Coma xefe do exército da tribo de Axer ía Paguiel, fillo de Ocrán,

27 e coma xefe do exército formado pola tribo dos fillos de Naftalí, Ahirá, fillo de Enán.

28 Esta foi a orde das marchas dos fillos de Israel, repartidos nos seus escuadróns, cando partían.


O Señor conduce o pobo

29 Moisés díxolle a Hobab, fillo de Reuel, madianita, sogro de Moisés: —"Nós partimos para o lugar, do que nos dixo o Señor: Héivolo dar a vós. Ven connosco e habémoste de tratar ben, pois o Señor prometeu o ben a Israel".

30 Pero el respondeulle: —"Non irei convosco, senón que me vou ir para a miña terra, onda os meus parentes".

31 Moisés insistiu: —"Rógoche que non nos deixes, pois ti coñeces ben os lugares axeitados onde habemos acampar no deserto, e serás para nós un bo guía!

32 Se vés connosco, terás parte no ben que nos faga o Señor a nós, de todos os bens che daremos parte".

33 E partiron do monte do Señor e andaron o camiño de tres días. A Arca da Alianza do Señor ía diante deles durante os tres días de camiño, para buscarlles sitio onde repousar.

34 A Nube do Señor ía enriba deles de día, ó saíren do campamento.

35 Para que a Arca se puxese en camiño, Moisés exclamaba: —"Levántate, Señor; sexan dispersos os teus inimigos; e fuxan os que te aborrecen diante da túa presenza!".

36 E cando se detiña, dicía: —"Vólvete, Señor, cara ós milleiros das familias de Israel".

Lean sinn:



Sanasan