Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Números 1 - Biblia SEPT


Censo das tribos de Israel

1 No deserto do Sinaí, na Tenda do Encontro, no primeiro día do segundo mes, no segundo ano despois da saída do país de Exipto, díxolle o Señor a Moisés:

2 —"Facede o censo xeral de todos os israelitas, por familias e por casas patriarcais, escribindo o nome de cada un dos varóns,

3 dos vinte anos para arriba, capaces de manexar as armas en Israel. Alistádeos para os respectivos exércitos, ti e Aharón.

4 Teredes presentes convosco un home de cada tribo, o xefe de cada familia patriarcal.

5 Os nomes dos homes que estarán convosco serán estes: De Rubén, Elisur, fillo de Xedeur.

6 De Simeón, Xelumiel, fillo de Surixadai.

7 De Xudá, Nahxón, fillo de Aminadab.

8 De Isacar, Natanael, fillo de Suar.

9 De Zebulón, Eliab, fillo de Helón.

10 Dos fillos de Xosé: por Efraím, Elixamá, fillo de Ammihud; por Menaxés, Gamaliel, fillo de Pedahsur.

11 De Benxamín, Abidán, fillo de Guideón.

12 De Dan, Ahiezer, fillo de Amixadai.

13 De Axer, Paguiel, fillo de Ocrán.

14 De Gad, Eliasaf, fillo de Deuel.

15 De Naftalí, Ahira, fillo de Enán.

16 Estes son os escollidos como cabezas das respectivas familias patriarcais; son xefes de milleiros en Israel".

17 Moisés e Aharón rexistraron a todos estes homes chamados polo seu nome,

18 e mandaron xuntar a toda a comunidade no primeiro día do mes segundo. Fixeron o seu censo por familias e por casas patriarcais, rexistrando o nome de cada varón de máis de vinte anos, xunto co seu xefe correspondente,

19 conforme o tiña mandado Iavé a Moisés. Fixo o censo no deserto do Sinaí.

20 Dos descendentes de Rubén, primoxénito de Israel, contados por familias e por casas patriarcais, rexistraron os nomes dos varóns de máis de vinte anos, todos os que podían ir á guerra:

21 total 46.500 da tribo de Rubén.

22 Dos descendentes de Simeón, feito o reconto da súa tribo por familias e por casas patriarcais, chamados polo nome xunto co seu xefe, todos os varóns, que podían ir á guerra, de vinte anos para arriba:

23 foron 59.300 da tribo de Simeón.

24 Dos descendentes de Gad, feito o reconto da súa tribo por familias e casas patriarcais, chamados polo seu nome, os que podían ir á guerra de máis de vinte anos para arriba:

25 contáronse 45.650 da tribo de Gad.

26 Dos descendentes de Xudá por familias e por casas patriarcais, o número dos nomes dos varóns de vinte anos para arriba, todos os que podían ir á guerra:

27 contaron 74.600 da tribo de Xudá.

28 Dos descendentes de Isacar, por familias e casas patriarcais, chamados polo nome do seu xefe, os varóns de vinte anos para arriba, todos os que podían ir á guerra:

29 foron contados 54.400 da tribo de Isacar.

30 Dos descendentes de Zebulón, por familias e casas patriarcais, o número dos nomes dos varóns, de vinte anos para arriba, todos os que podían ir á guerra:

31 o total foi de 57.400 da tribo de Zebulón.

32 Dos descendentes de Xosé, os fillos de Efraím por familias e casas patriarcais, chamados polo nome dos varóns de vinte anos para arriba, todos os que podían ir á guerra:

33 feito o reconto, deu un total de 40.500 da tribo de Efraím.

34 Dos fillos de Menaxés, por familias e casas patriarcais, chamados polo nome, os varóns de vinte anos para arriba, todos os que podían ir á guerra:

35 feito o reconto da tribo de Menaxés, deu un total de 32.200.

36 Dos descendentes de Benxamín, por familias e casas patriarcais, chamados polo nome os varóns de vinte anos para arriba, todos os que podían ir á guerra:

37 o reconto deu un total de 35.400 da tribo de Benxamín.

38 Dos descendentes de Dan, por familias e casas patriarcais, chamados polo nome os varóns de vinte anos para arriba, todos os que podían ir á guerra:

39 feito o reconto, deu un total de 62.700 da tribo de Dan.

40 Dos descendentes de Axer, por familias e casas patriarcais, chamados polo nome os varóns de máis de vinte anos para arriba, todos os que podían ir á guerra:

41 feito o reconto, deu un total de 41.500 da tribo de Axer.

42 Dos descendentes de Naftalí, por familias e casas patriarcais, chamados polo nome os varóns de vinte anos para arriba, todos os que podían ir á guerra:

43 feito o reconto, deu un total de 53.400 da tribo de Naftalí.

44 Estes son os que foron censados por Moisés e Aharón e polos xefes dos israelitas: doce homes, un por cada tribo, representando a súa casa patriarcal.

45 O total dos contados dos fillos de Israel por casas patriarcais, varóns de vinte anos para arriba, os que podían ir á guerra en Israel,

46 por xunto todos os censados son 603.550 homes.


Funcións propias dos levitas

47 Os levitas, con todo, non foron rexistrados entre os alistados para a guerra, segundo as casas patriarcais da súa tribo.

48 O Señor dixéralle a Moisés:

49 —"Non debes alistar ós da tribo de Leví, nin ós seus cabezas de familia entre os fillos de Israel.

50 Débeslles confiar a eles o coidado da Morada do Testemuño e de todos os seus vasos sagrados e de canto pertence ás cerimonias. Soamente eles os poderán transportar e soamente eles os poderán manexar e meter na Tenda da Alianza. Acamparán arredor do tabernáculo.

51 Cando o tabernáculo teña que ser transportado, só eles poderán desarmalo, e cando teñan que erguelo, serán os levitas quen o farán; calquera estraño que se achegue para tocalo, será castigado coa morte.

52 Os fillos de Israel erguerán as súas tendas, cada un no propio campamento, onda a correspondente bandeira.

53 Pero os levitas acamparán arredor do Tabernáculo do Testemuño, de tal xeito que os fillos de Israel non caian no castigo de Deus. Soamente a eles lles corresponde gardar o Tabernáculo do Testemuño".

54 Os fillos de Israel cumpriron todas estas cousas, facéndoas conforme lle tiña ordenado o Señor a Moisés.

Lean sinn:



Sanasan