Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Nehemías 9 - Biblia SEPT


Confesión dos pecados

1 O vinte e catro do mesmo mes, os israelitas, vestidos de saco e cinsa, reuníronse para un xaxún.

2 Todos cantos eran da liñaxe de Israel afastáronse dos estranxeiros, puxéronse en pé e confesaron os seus pecados e as faltas de seus pais.

3 Volveron ós seus postos e leuse no libro da Lei do Señor, o seu Deus, durante unha cuarta parte da xornada. Durante outra cuarta parte fixeron a súa confesión e prostráronse diante do Señor, o seu Deus.

4 Subiron ó taboado dos levitas Iexúa, Baní, Cadmiel, Xebanías, Buní, Quenaní; invocaron o Señor, o seu Deus, en alta voz.

5 E os levitas Iexúa, Cadmiel, Baní, Haxabnías, Xerebías, Hodías, Xebanías y Petahías dixeron: —"Levantádevos. Bendicide o Señor, voso Deus, desde sempre e para sempre. Que bendigan o teu nome glorioso, que sobrepasa toda bendición e loanza.

6 Ti es, Señor, o único Deus, que fixeches os ceos, os ceos dos ceos e todo o seu exército, a terra e canto nela se atopa, os mares e todo canto conteñen. Fuches ti quen lles deu vida a todos, e o exército dos ceos se prosterna diante de ti.

7 Es ti, o Señor Deus, o que escolliches a Abram, fixéchelo saír de Ur dos Caldeos e décheslle por nome Abraham.

8 Atopaches nel un corazón fiel para contigo, e remataches con el unha alianza para darlle o país dos cananeos, hititas, amorreos, perizitas, iebuseos e guirgaxitas, a el e á súa descendencia. Cumpriches a palabra, porque ti es xusto.

9 Viches a humillación dos nosos pais en Exipto e escoitaches os seus gritos onda o mar dos Xuncos.

10 Realizaches signos e prodixios contra o Faraón, contra todos os seus servidores e contra todo o pobo do seu país, pois sabías que no seu orgullo nos maltratara, e conquistaches un nome que aínda hoxe perdura.

11 Dividiches o mar perante eles e puideron pasar co pé enxoito polo medio do mar; ós que os perseguían precipitáchelos no fondo, como unha pedra nas augas axitadas.

12 Guiáchelos de día cunha columna de nube e de noite cunha columna de fogo, para alumarlles o camiño que tiñan que seguir.

13 Baixaches ó monte Sinaí, e falácheslles desde o alto dos ceos; décheslles os teus mandamentos, que son leis xustas, normas verdadeiras, estatutos e preceptos excelentes.

14 Décheslles a coñecer o teu santo sábado, décheslles ordes, mandatos e unha Lei, por medio do teu servo, Moisés.

15 Para matar a súa fame, décheslles pan do ceo e fixeches deitar auga do penedo para a súa sede. Mandáchelos vir tomar posesión do país que lles tiñas xurado dar, coa man en alto.

16 Mais eles, os nosos pais, mostráronse orgullosos, puxéronse testáns e non escoitaron os teu mandamentos.

17 Non quixeron oír nin recordar os prodixios que fixeras polo seu ben. Empeñáronse testanamente en volveren á escravitude de Exipto. Mais ti, Deus do perdón, clemente e compasivo, cheo de paciencia e misericordioso, non os abandonaches,

18 nin sequera cando fixeron un becerro fundido e clamaron: Este é o teu deus, o que te sacou de Exipto, cometendo un pecado horrendo.

19 Pero ti, na túa grande misericordia, non os abandonaches no deserto: a columna de nube que os guiaba polo seu camiño de día non se apartou deles, nin a columna de fogo que os guiaba de noite.

20 Décheslles o teu bo espírito para que soubesen discernir, e non lles quitaches o maná da súa boca e décheslles auga para a súa sede.

21 Durante corenta anos, asegurácheslles a subsistencia no deserto; non lles faltou cousa e os seus vestidos non se gastaron nin se lles incharon os pés.

22 Puxeches nas súas mans reinos e pobos, repartíndolles cadansúa rexión, e tomaron posesión do país de Sihón —o do rei de Hexbón— e do país de Og, rei de Baxán.

23 Multiplicaches os seus fillos como as estrelas do ceo e fixéchelos entrar no país que lles prometeras ós seus pais tomar en posesión.

24 Entraron os fillos e tomaron posesión do país. Sometiches diante deles ós habitantes do país, ós cananeos, e puxéchesllelos nas súas mans, xunto cos seus reis, para que fixesen con eles o que quixeren.

25 Apoderáronse de cidades fortificadas e de terras fértiles; tomaron posesión de casas cheas de toda sorte de bens, pozos cavados, viñas e oliveiras e árbores froiteiras en gran número. Comeron, fartáronse, engordaron e viviron en delicias, grazas á túa gran bondade.

26 Pero eles rebeláronse contra ti, rexeitaron a túa Lei, mataron os teus profetas, que os amoestaban a retornar a ti, e fixéronse culpables de grandes ofensas.

27 Ti, entón, entregáchelos nas mans do seus inimigos, que os combateron. Na súa angustia, clamaron a ti e ti escoitáchelos desde o ceo; e pola túa gran misericordia dábaslles liberadores que os salvaban da man dos seus adversarios.

28 Mais cando tiñas descanso, volvían facer o mal diante de ti e ti volvías abandonalos nas mans dos seus inimigos, que os oprimían. Chamaban de novo por ti, e ti, desde o alto dos ceos, escoitabas e librábalos na túa grande misericordia.

29 Ti amoestábalos para que retornasen á túa Lei, mais eles, altivos, non facían caso das túas ordes. Pecaron contra os teus mandamentos, que o home debe cumprir para ter a vida. Déronche as costas, cheos de rebeldía, actuaron con orgullo e non quixeron escoitar.

30 Ti soportáchelos durante moitos anos, o teu espírito amoestounos por medio dos profetas, mais eles non fixeron caso. Foi entón cando os entregaches nas mans dos pobos pagáns.

31 Pero na túa grande compaixón non os aniquilaches nin abandonaches, porque ti es un Deus clemente e misericordioso.

32 E agora, Deus noso, Deus grande, poderoso e terrible, que gardas a alianza e a fidelidade, non teñas en pouco as aflicións que nos alcanzaron a nós, ós nosos reis, ós nosos príncipes, ós nosos sacerdotes e a todo o pobo, desde o tempo dos reis de Asiria ata hoxe.

33 Ti es xusto en todo canto nos ocorreu, pois obraches con verdade, mais nós obramos perversamente.

34 Certamente, nin os nosos reis, nin os príncipes, nin os sacerdotes, nin os pais, cumpriron a túa Lei, nin prestaron atención ós preceptos e avisos que lles inculcabas.

35 Eles, no seu reino e na súa grande prosperidade que lles deras, nun país extenso e fértil que puxeras diante deles, non te serviron e non se converteron das súas malas accións.

36 Hoxe, velaquí como nós somos escravos nunha terra que ti lles deras ós nosos pais para que comesen dos seus froitos excelentes.

37 Os seus abundantes produtos son para os reis que ti puxeches sobre nós, por culpa dos nosos pecados. Dominan sobre os nosos corpos e sobre os nosos animais, segundo a súa vontade, e nós vémonos nunha grande miseria".

Lean sinn:



Sanasan