Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Nehemías 6 - Biblia SEPT


Remate da muralla

1 Cando Sambalat, Tobías, o árabe Guéxem e o resto dos nosos inimigos souberon que tiñamos rematada a construción da muralla e que xa non quedaba nela ningunha fenda —só as follas das portas estaban sen colocar—,

2 Sambalat e Guéxem mandaron dicirme: —"Ven. Vamos ter unha entrevista contigo en Kefirim, no val de Onó". É que tiñan pensado facerme mal.

3 Eu mandeilles mensaxeiros para dicirlles: —"O que eu fixen é unha obra considerable, e non me é posible baixar. Por que se vai ter que deter a obra para baixar onda vós?"

4 Eles enviáronme catro veces o mesmo recado, e eu deilles a mesma resposta.

5 Por quinta vez chegoume a mesma mensaxe, por medio do servidor de Sambalat, que traía na man unha carta aberta.

6 Nela estaba escrito: —"Óese rumorear entre as xentes, e así o afirma Guéxem, que ti e mais os xudeus tedes o pensamento de vos sublevar e que con tal motivo levantas ti a muralla para devir o seu rei.

7 Nomeaches tamén co mesmo fin profetas en Xerusalén para que proclamen: Hai un rei en Xudá. É ben seguro que o vai saber o emperador. Ven, pois, e decidiremos xuntos o que convén facer".

8 Respondinlles: —"Non hai cousa que estea de acordo con canto ti dis. Iso inventáchelo ti mesmo".

9 Todos eles, de certo, queríannos meter medo, pensando: —"Van parar a obra, que non rematará endexamais". Eu con iso aínda collín máis ánimos.

10 Fun á casa de Xemaías, fillo de Delaías, fillo de Mehetabel, pois estaba impedido. Dixo: —"Xuntémonos na casa de Deus, no medio do templo, e pechemos as súas portas, porque van vir matarte".

11 Eu respondín: —"Un home coma min emprenderá a fuga? E que home hai que poida entrar no templo e vivir? Non entrarei, non".

12 Deime conta, en efecto, que non fora Deus quen o enviara. Fíxome esa profecía subornado por Tobías e Sambalat,

13 para que, cheo de pavor, obrase desa forma, cometendo un gran pecado. Terían entón eles motivo para me denigraren, téndome por un blasfemo.

14 —"Lémbrate, oh Deus, de canto Tobías e Sambalat fixeron, e tamén da profetisa Noadías e dos outros profetas que me querían poñer medo".

15 A muralla rematouse o vinte e cinco do mes de Elul, en cincuenta e dous días.

16 Cando o souberon os nosos inimigos, todas as nacións veciñas foron presa de gran temor e víronse humilladas ós seus propios ollos. Recoñeceron que esta obra fora feita por vontade divina.

17 Foi tamén por ese tempo cando os notables de Xudá mandaran moitas cartas a Tobías e recibían del outras tantas.

18 Pois moitos xudeus xuramentáranse con el por ser o xenro de Xecanías, fillo de Arah, e porque o seu fillo Iehohanán casara coa filla de Mexulam, fillo de Berequías.

19 Facían, incluso, o seu eloxio na miña presenza, e levábanlle as miñas palabras. Tobías enviara cartas para poñerme medo.

Lean sinn:



Sanasan