Nehemías 5 - Biblia SEPTIntervención de Nehemías 1 Entón a xente do pobo, sobre todo as mulleres, levantou un gran clamor contra os seus irmáns xudeus. 2 Algúns dicían: —"Os nosos fillos e fillas, e nós mesmos, somos moi numerosos e non temos pan para comer e vivir". 3 Outros dicían: —"Os nosos campos, viñas e casas hai que entregalos, a fin de que nos dean trigo no tempo da fame". 4 Outros dicían: —"Polo tributo do rei, empeñamos a prata que esperamos sacar dos campos e viñas. 5 Non obstante, a nosa carne é semellante á carne dos nosos irmáns, e os nosos fillos son tamén semellantes ós seus. Mais o caso é que temos que entregar os nosos fillos e fillas á escravitude, e algunhas das nosas fillas foron deshonradas sen que nós poidamos facer cousa para impedilo. Os nosos campos e viñas están nas mans doutros". 6 Ao oír os seus clamores e palabras, a cólera apoderouse de min con violencia. 7 Sentin na miña alma a obriga de lles rifar ós nobres e maxistrados, e díxenlles: —"Estades poñendo unha carga enorme os uns nos ombros dos outros". Convoqueinos despois a unha gran asemblea. 8 Díxenlles: —"Nosoutros, nós mesmos, compramos os nosos irmáns xudeus vendidos ás nacións, na medida das nosas posibilidades. Vosoutros, polo contrario, vendedes os vosos irmáns para seren máis tarde revendidos a nós". Eles mantíñanse en silencio e nada tiñan que responder. 9 Eu engadín: —"O que facedes non está ben; non é segundo o temor de Deus como debedes camiñar para evitar a vergonza das nacións, as nosas inimigas? 10 Tanto eu, coma os meus irmáns e servidores prestámoslles diñeiro e trigo. E imos tamén abandonar esa débeda. 11 Volvédelles hoxe mesmo os seus campos, viñas, oliveiras e casas, e perdoádelles o diñeiro, trigo, aceite que lles emprestastes". 12 Eles responderon: —"Perdoarémoslles todo e nada lles reclamaremos. Faremos como ti dis". Chamei ós sacerdotes e fixen xurar á xente que farían como se lles dixera. 13 Sacudín tamén as dobras do meu manto, dicindo: —"Desta mesma maneira sacudirá Deus da súa casa, lonxe dos seus bens, a todo aquel que non reciba a súa palabra. Así será el sacudido e abandonado sen nada". Toda a asemblea respondeu: —"Amén". E loaba ó Señor. E o pobo realizou canto se dixo. 14 Despois do día mesmo en que se me deu a orde de ser o seu gobernador no país de Xudá, desde o vixésimo ano ata o trixésimo do rei Artaxerxes, durante doce anos, así eu coma os meus irmáns non comemos endexamais o pan que lle pertence ó que goberna. 15 Antes de min, os primeiros gobernadores esmagaban o pobo, esixíndolle pan e viño, e corenta siclos de prata. Tamén os seus servidores impoñían o seu dominio sobre o pobo, cousa que eu xamais non quixen facer polo temor de Deus. 16 Axudei incluso na obra desta muralla, e non compramos campos, e todos os meus servidores viñan tamén xuntarse aquí para o traballo. 17 Os xudeus e os maxistrados que comían comigo eran cento cincuenta homes, ademais dos que viñan onda nós das nacións veciñas. 18 O que se preparaba para cada día —un touro, seis carneiros escollidos e aves— corría da miña conta o aderezalo. Cada dez días traía viño a fartar. Aínda así, non reclamei o pan que lle corresponde ó gobernador, pois a servidume pesaba duramente sobre este pobo. 19 Meu Deus, acórdate para o meu ben de todo canto fixen por este pobo. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)