Nehemías 4 - Biblia SEPT1 Cando Sambalat, Tobías, os árabes e os axdoditas se deron conta de que a restauración das murallas de Xerusalén progresaba e de que se empezaban a cerrar as fendas, a súa cólera foi moi grande. 2 Xuntáronse todos para viren atacar Xerusalén e causar nelas estragos. 3 Entón nós suplicamos ó noso Deus e puxemos gardas para que os vixiasen día e noite. 4 Mais Xudá dicía: —"A forza dos albaneis esgótase, e hai moitos espolios. E xa non nos será posible Construír a muralla". 5 Os nosos adversarios comentaban: —"Non sospeitarán nin verán nada ata o momento en que nós cheguemos onda eles. Entón matarémolos e faremos cesar a obra". 6 Os xudeus que habitaban ó lado deles, cando viñan, repetíannos: —"De todos os sitios de onde vós vides, están eles sobre nós". 7 Entón eu ordenei o pobo por familias, coas súas espadas, lanzas e arcos, arredor e ó pé da muralla. 8 Examinado todo, levanteime e díxenlles ós notables, ás autoridades e ó resto do pobo: —"Non lles teñades medo. Lembrádevos do Señor, grande e temible, e loitade polos vosos irmáns, fillos e fillas, polas vosas mulleres e casas". 9 Cando se decataron os nosos inimigos de que estabamos alerta, déronse conta de que Deus lles desbaratara os seus planos, e puidemos volver á muralla, cadaquén á súa tarefa. 10 Desde aquel día, con todo, só a metade dos meus homes traballaba, mentres a outra metade tiña na man as lanzas, os escudos, os arcos e as coirazas. Os xefes mantíñanse en pé detrás de toda a casa de Xudá. 11 Os que construían a muralla e cantos cargaban e levaban os vultos, traballaban cunha man, mentres a outra sostiña unha arma. 12 Todo construtor tiña unha espada amarrada á cintura. O corneta estaba ó meu lado. 13 Eu díxenlles ós notables, maxistrados e ó resto do pobo: —"A obra é considerable e ampla e nós estamos espallados ó longo da muralla, lonxe uns dos outros. 14 Polo tanto, se oídes o soar da trompeta onde queira que esteades, vide logo xuntarvos connosco. O Señor loitará por nós. 15 Fagamos a obra —tendo a metade dos nosos as lanzas na man—, desde o raiar da alba ata que xa se vexan as estrelas". 16 Tamén foi por este tempo cando lle dixen ó pobo: —"Cada un co seu servidor pasará a noite en Xerusalén; na noite haberá un garda, e no día todos á obra". 17 Ninguén, nin eu nin os meus irmáns, nin os meus servidores, nin os homes da garda que me seguían, ninguén de nós, quitaba os vestidos. Todos tiñan a súa arma na man dereita. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)