Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Nehemías 2 - Biblia SEPT


Viaxe de Nehemías a Xerusalén

1 No mes de Nisán do vixésimo ano do rei Artaxerxes, cando xa tiña servido o viño, ofrecín ó rei unha copa. Como eu xamais estivera triste diante del,

2 o rei díxome: —"Por que o teu rostro é triste? É que estás doente? Ou trátase só dunha tristura do corazón?" A min entón invadiume un gran temor.

3 Contesteille ó rei: —"Que o rei viva por sempre. Como non vai estar triste o meu rostro, cando a cidade onde están as sepulturas de meus pais foi devastada, e as súas portas devoradas polo lume?"

4 O rei díxome: —"Que é entón o que pretendes?" Eu recei ó Deus dos ceos

5 e despois díxenlle ó rei: —"Se iso lle parece ben ó rei e se o teu servidor é grato ós teus ollos, mándame camiño de Xudá, cara á cidade das tumbas de meus pais, para reconstruíla".

6 O rei e a raíña, sentada ó seu lado, preguntáronme: —"Canto durará a túa viaxe e cando volverás?" Pareceulle ben ó rei a data que lle indiquei e deixoume partir.

7 Eu engadín: —"Se a cousa parece ben ó rei, que se me dean cartas para o gobernador de Transeufratina, a fin de que eles me deixen pasar ata chegar a Xudá

8 e tamén unha carta para Asaf, garda do parque real, a fin de que me dea a madeira para construír as portas da cidadela do templo e para as murallas da cidade e a casa onde eu me instale". O rei deume esas cartas, pois a boa man do meu Deus estaba sobre min.

9 Presenteime, pois, ós gobernadores de Transeufratina e deilles as cartas do rei. O rei enviárame tamén oficiais do exército e xinetes.

10 Sambalat, o horonita, e Tobías, o servidor amonita, souberon a noticia e desgustáronse moito ó veren que alguén viña preocupándose do maior ben dos fillos de Israel.

11 Cheguei a Xerusalén e detívenme alí tres días.

12 Despois erguinme pola noite, con algúns homes máis, pero sen lle revelar a ninguén canto Deus me puxera no corazón para levar a cabo en Xerusalén. Cabalgadura só tiña unha, a que eu montaba.

13 Saín de noite pola porta do Val cara á fonte do Dragón e á porta do Esterco. Examinei coidadosamente as murallas de Xerusalén e decateime de que case non había máis que fendas, e que as portas foran devoradas polo lume.

14 Pasei cara á porta da Fonte e cara ó estanque real, pero non vin alí sitio por onde pasar a cabalgadura que levaba.

15 Subín, entón, polo torrente (aínda era noite) e examinei a muralla moi atentamente. Despois dei a volta pola porta do Val ata a casa.

16 As autoridades non souberon onde fora, nin o que pensaba facer. É que aínda non lles dixera nada ós xudeus, ós sacerdotes, ós notables e maxistrados, nin ós outros que se ocupaban dos traballos.

17 Entón díxenlles: —"Xa vedes a triste situación na que nos encontramos: Xerusalén devastada e as súas portas queimadas. Hai, pois, que reconstruír a muralla de Xerusalén e non sexamos máis unha irrisión".

18 Reveleilles como a man do meu Deus, a súa boa man, estaba sobre min e canto o rei me dixera. Eles dixeron entón: —"Arriba, a traballar!" E puxeron mans á obra con moitos azos.

19 Cando o souberon o horonita Sambalat, o servo amonita Tobías, e Guéxem, o árabe, ríronse de nós e dicían con desprezo: —"Que é o que ides facer? Rebelástesvos contra o rei?"

20 Eu respondinlles, dicindo: —"É o Deus dos ceos, El mesmo, o que nos dará o éxito. Nós, os seus servos, levantarémonos e construiremos. Para vosoutros non haberá parte ningunha, nin dereito nin recordo en Xerusalén".

Lean sinn:



Sanasan