Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Nehemías 13 - Biblia SEPT


Reformas feitas por Nehemías

1 Nese tempo, ó lermos no libro de Moisés na presenza do pobo, atopamos escrito que os amonitas e moabitas non entrarían xamais na asemblea de Deus,

2 pois non viñeron á presenza dos fillos de Israel con pan e auga, e Moab contratou a Balaam contra eles, para maldicilos; pero o noso Deus cambiou a maldición nunha bendición.

3 O coñeceren esta Lei, separaron de Israel a todo home de sangue mesturada.

4 Antes disto, o sacerdote Eliaxib, encargado das dependencias do templo e parente de Tobías,

5 Acondicionara para uso deste unha habitación grande, onde se metían noutro tempo as ofrendas, o incenso, os utensilios, o décimo do trigo, do viño novo e do aceite, organizado todo isto polos levitas, os cantores e os porteiros, como tamén o de reservar para os sacerdotes unha parte.

6 Durante todo ese tempo, eu non me encontraba en Xerusalén, pois no ano trinta e dous de Artaxerxes, rei de Babilonia, fora onda o rei. Pero despois dalgún tempo, co permiso do rei,

7 volvín a Xerusalén; foi entón cando me dei conta do mal que fixera Eliaxib, por culpa de Tobías, preparándolle unha habitación nos adros da casa de Deus.

8 Pareceume moi mal, mandei sacar da habitación todas as cousas de Tobías,

9 ordenei que a purificasen e volvín gardar alí os utensilios do templo, as ofrendas e o incenso.

10 Souben tamén que os levitas non recibiran a parte que lles correspondía, e que tanto eles coma os cantores que facían o servizo fuxiran a cadansúa aldea.

11 Reprendín ós maxistrados, e dixen: —"Por que quedou abandonada a casa de Deus?" Despois xunteinos e volvinos ós seus postos.

12 Entón todo Xudá trouxo o décimo do trigo, do viño novo e do aceite para metelos nas reservas.

13 Dei a orde de colocar esas reservas baixo o coidado do sacerdote Xelemías, do escriba Sadoc e de Pedaías, un dos levitas, axudados por Hanán, fillo de Zacur, fillo de Matanías, pois pasaban por homes fieis. Tocáballes a eles facer a repartición entre os seus irmáns.

14 —"Acórdate de min, meu Deus, por todo isto, e que non se borre diante de ti a miña fidelidade respecto da casa do meu Deus e do seu servizo".

15 Neses días, vin tamén que algúns xudeus premían o lagar en sábado, outros xuntaban monllos e cargábanos nas cabalgaduras; e incluso traían a Xerusalén dese mesmo xeito viño, uvas, figos e toda clase de fardos, no sábado. Reprendinos por facer tal cousa nese día.

16 Tamén os tirios residentes en Xerusalén viñan con peixes e toda clase de mercadorías e vendíanas no sábado ós fillos de Xudá e Xerusalén.

17 Encareime cos nobres de Xudá e díxenlles: —"Por que esta mala acción que cometedes, profanando o día de sábado?

18 Non foi así como obraron tamén os vosos pais? Foi por iso polo que o noso Deus fixo vir sobre nós e sobre esta cidade todo este mal. E vós, profanades o sábado, agravades a cólera de Deus contra Israel".

19 Mandei que pechasen as portas de Xerusalén ó anoitecer antes do sábado, coa orde de que non se abrisen ata pasado o sábado. E puxen nas portas algúns dos meus criados para que non entrase carga ningunha no día de sábado.

20 Pero algúns comerciantes e vendedores de toda clase de mercadorías pasaron a noite, unha ou dúas veces, fóra de Xerusalén.

21 Advertinos e díxenlles: —"Por que pasades a noite diante da muralla? Se o volvedes facer, préndovos". A partir deste momento, xa non volveron máis durante o sábado.

22 Despois, ordenei ós levitas que se purificasen para viren gardar as portas, co fin de santificar o día do sábado. —"Por todo isto, acórdate de min, meu Deus; ten piedade de min segundo a túa grande fidelidade".

23 Foi tamén por este tempo cando vin algúns xudeus casar con mulleres axdoditas, amonitas e moabitas;

24 A metade dos seus fillos falaban axdodeo e ninguén deles se mostraba capaz de falar hebreo, senón só na lingua dun ou doutro pobo.

25 Rifeilles moito e maldicinos, zoupei nalgúns e tireilles dos cabelos; despois fíxenos xurar no nome do Señor: —"Non deades as vosas fillas ós seus fillos e non tomedes as súas fillas para vosos fillos nin para vós.

26 Non foi acaso por isto polo que pecou Salomón, rei de Israel? Entre as numerosas nacións non houbo rei coma el; era amado polo seu Deus e establecérao rei de todo Israel. Con todo, foi a el a quen as mulleres estranxeiras enredaron no pecado.

27 Que non se volva oír que cometedes a infamia de ofender o noso Deus, casando con estranxeiras".

28 Un dos fillos de Ioiadá, fillo de Eliaxib, o sumo sacerdote, era o xenro de Sambalat, o horonita. Púxeno en fuga, lonxe de min.

29 —"Acórdate deles, meu Deus, porque lixaron o sacerdocio e a alianza do sacerdocio e dos levitas".

30 Purifiqueinos de toda clase de estranxeiros e restablecín os sacerdotes e levitas nos seus respectivos empregos, cada un na súa tarefa;

31 restablecín tamén a ofrenda de leña, nas épocas fixadas, o mesmo cás primicias. "Acórdate de min, meu Deus, para ben".

Lean sinn:



Sanasan