Nehemías 12 - Biblia SEPTSacerdotes e levitas 1 Lista dos sacerdotes e levitas que chegaron con Zerubabel, fillo de Xealtiel, e con Xosué: Seraías, Irmeías, Ezrá, 2 Amarías, Maluc, Hatux, 3 Xecanías Rehúm, Meremot, 4 Idó, Guinetoi, Abiías, 5 Miiamín, Maadías, Bilgah, 6 Xemaías, e Ioiarib, Iedaías, 7 Salú, Amoc, Hilquías, Iedaías. Eran os xefes dos sacerdotes e dos seus irmáns, no tempo do Xosué. 8 Os levitas: Iexúa, Binuí, Cadmiel, Xerebías, Iehudah, Matanías e os seus irmáns, encargados dos cantos de louvanza. 9 Bacbuquías e Uní, os seus irmáns, axudábanos nos servizos. 10 Xosué enxendrou a Ioaquim, Ioaquim enxendrou a Eliaxib, e Eliaxib a Ioiadá. 11 Ioiadá enxendrou a Ionatán, Ionatán enxendrou a Iaduá. 12 No tempo de Ioiaquim, os sacerdotes xefes de familia eran: da de Seraías, Meraías; da de Xemeías, Hananías; 13 da de Ezrá, Mexulam; da de Amarías, Iehohanán; 14 da familia de Xebanías, Iosef; 15 da de Harim, Adná; da de Meremot, Helcai; 16 da de Idó, Zacarías; da de Guinetón, Mexulam; 17 da de Abías, Zicrí; da de Miniamín,...; da de Moadías, Piltai; 18 da de Bilgah, Xamúa; da de Xemaías, Iehonatán; 19 da de Ioiarib, Matenai; da de Iedaías, Ozí; 20 da de Salai, Calai; da de Amoc, Éber; 21 da de Hilquías, Haxabías; da de Iedaías, Netanel. 22 No tempo de Eliaxib, de Ioiadá, de Iohanán e de Iadúa, os levitas, xefes de familia, o mesmo cós sacerdotes, foron inscritos ata o reino de Darío o persa. 23 Os fillos de Leví, xefes de familia, foron inscritos no libro dos Anais, ata o tempo de Iohanán, fillo de Eliaxib. 24 Os xefes dos levitas eran: Haxabías, Xerebías e Iexúa, fillo de Cadmiel, e os seus irmáns, ás súas ordes, para cantaren, segundo o rito de David, home de Deus, cada un na súa quenda de servzo, os loores e as accións de grazas: 25 Matanías, Bacbuquías, Obadías, Mexulam, Talmón e Acub, gardas—porteiros, para a garda que se facía a pé das portas. 26 Todos estes viviron nos tempos de Ioaquim, fillo de Xosué, fillo de Iosadac, e no tempo de Nehemías o gobernador, e de Esdras, o sacerdote—escriba. Inauguración da muralla 27 Para inauguraren a muralla de Xerusalén, foron en busca dos levitas por todos os seus lugares de residencia, co fin de facelos vir a Xerusalén a celebrar con xúbilo a inauguración con loores e cantos, con címbalos, liras e arpas. 28 Os fillos dos cantores do val do Xordán e da bisbarra de Xerusalén e das aldeas de Netofat, 29 de Bet—Guilgal e dos campos de Gueba e de Azmávet, xuntáronse, pois os cantores construíran aldeas nos arredores de Xerusalén. 30 Os sacerdotes e levitas purificáronse e purificaron o pobo, as portas e a muralla. 31 Mandei que subisen as autoridades de Xudá á muralla e organicei dous grandes coros. Un camiñaba pola dereita sobre a muralla pola porta do Esterco. 32 Detrás deles ían Hoxaías e a metade dos xefes de Xudá; 33 Azarías, Esdras, Mexulam, 34 Iehudá, Benxamín, Xemaías e Xemeías, 35 de entre os fillos de Ionatán, fillo de Xemaías, fillo de Metanías, fillo de Micaías, fillo de Zacur, fillo de Asaf, 36 e os seus irmáns, Xemaías, Azarel, Milalai, Guilalai, Maai, Netanel, Iehudá, Hananí, cos instrumentos de música de David, home de Deus. Esdras, o escriba, estaba diante deles. 37 Pasaron pola porta da Fonte e, seguindo en liña recta, subiron a escaleira da Cidade de David e baixaron pola costa da muralla, onda o palacio de David, ata a porta da Auga, ó levante. 38 A segunda coral marchou cara á esquerda, e tamén eu ía detrás dela, xunto coa metade dos xefes do pobo, pola muralla, na cima da torre dos Fornos ata a Muralla Longa, 39 e por riba da porta de Efraím, da porta da Iexanah, da porta dos Peixes, da torre de Hananel e da torre dos Cento, ata a porta das Ovellas. Parouse á porta da Garda. 40 As dúas corais pararon de seguida na casa de Deus, como tamén eu, a metade dos maxistrados que estaban comigo, 41 e os sacerdotes: Eliaquim, Maseías, Miniamín, Micaías, Elioenai, Zacarías, Hananías con trompetas, 42 e Maseías, Xemaías, Elazar, Ozí, Iehohanán, Malaquías, Elam e Ézer. Os cantores fixéronse oír, con Izrahías o inspector. 43 Ofrecéronse ese día grandes sacrificios e foi moi grande a ledicia, pois Deus comunicáralles un gran gozo. As mulleres e os nenos gozaron tamén, e o xúbilo de Xerusalén notábase desde lonxe. 44 Nese día nomeáronse intendentes dos almacéns destinados ás provisións, ofrendas, primicias e décimos, onde se gardaban, polos campos e pobos, as porcións que prescribe a Lei para os sacerdotes e os levitas. En efecto, Xudá sentíase orgullosa dos sacerdotes e dos levitas en función, 45 porque levaban á práctica canto atinxe ó servizo do seu Deus e ó servizo das purificacións, mentres que os cantores e os porteiros seguían a orde de David e de Salomón, o seu fillo. 46 Pois desde moi antigo, desde o tempo de David e de Asaf, había xefes de cantores e de cantos de loanza e de recoñecemento ó noso Deus. 47 Todo Israel, no tempo de Zerubabel e no tempo de Nehemías, dábanlles o que lles correspondía ós cantores e porteiros día a día, pois as cousas consagradas pertencíanlles ós levitas; e os levitas dábanlles parte ós fillos de Aharón. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)