Nehemías 1 - Biblia SEPTPregaria de Nehemías 1 Palabra de Nehemías, fillo de Hacalías. Sucedeu que no mes de Kisleu do vixésimo ano, estando eu en Xuxán, a cidade forte, 2 Hananí, un dos meus irmáns, veu de Xudá, el e algúns homes máis, e fíxenlles preguntas relativas ós xudeus rescatados, o resto sobrevivente da catividade, e por Xerusalén. 3 Eles contáronme: —"Os que ficaron da catividade aló na provincia, están nunha gran desgraza e vergonza; a muralla de Xerusalén ten fendas e as súas portas foron queimadas". 4 O oír estas palabras, sentei, chorei e a pena apoderouse de min durante uns días. Despois xaxuei e recei na presenza do Deus dos ceos. 5 Dixen: —"Ah, Señor, Deus dos ceos, Deus grande e temible, que gardas a alianza e a fidelidade para con aqueles que te aman e cumpren os teus mandamentos, 6 que os teus oídos estean atentos e os teus ollos abertos para escoitar a pregaria do teu servo. Neste momento, día e noite rezo diante de ti polos fillos de Israel, os teus servidores. Confeso os pecados que nós cometemos contra ti, eu e a casa de meu pai. 7 Verdadeiramente ofendémoste e non gardamos os mandamentos, as leis e os costumes que deches ó teu servo Moisés. 8 Pero lémbrate da palabra que, polo teu mandato, pronunciou o teu servo Moisés: Se sodes infieis, eu esparexereivos entre os pobos; 9 mais se tornades a min e gardades os meus preceptos e os poñedes en práctica, aínda que os vosos deportados se encontren nos confíns do mundo, irei alí reunilos e traelos ó lugar que elixín para morada do meu nome. 10 Eles son os teus servidores e o teu pobo que ti rescataches co teu gran poder e forte man. 11 Ah, Señor, que o teu oído estea atento ó rogo do teu servo e dos teus servidores que se enchen de ledicia temendo o teu nome. Concede ó teu servo a graza de achar misericordia na presenza deste home". Eu era entón o copeiro do rei. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)