Nahum 2 - Biblia SEPTOráculo salvífico, dirixido a Xudá e Israel 1 Velaí: polos montes corre un mensaxeiro de boas novas, anuncia a paz: Celebra as túas festas, Xudá, cumpre os teus votos, que "o que non aproveita" xa non cruzará máis polo medio de ti; está sendo aniquilado totalmente. A CAÍDA DE NÍNIVE Visión da caída de Nínive 2 Unha forza de choque atácate de fronte. Monta garda na praza forte, vixía o camiño, cingue ben o teu lombo, fortalece ó máximo a túa forza. 3 Certo, o Señor volverá á viña de Xacob; si, á viña de Israel. Tíñana arrasada os desoladores, tiñan esgazadas as súas vides. 4 Os escudos dos seus soldados están vermellos, os seus soldados están vestidos de púrpura. Os carros brillan co relucir dos ferros, o día da súa formación axítanse coma as lanzas. 5 Os carros dan voltas polas rúas, corren dun lado para outro polas prazas, parecen fachóns, lánzanse coma raios. 6 El failles recordar algo ós seus capitáns, tropezan entre si no camiño, corren de présa cara ó muro da cidade, e xa está preparado o refuxio. 7 Ábrense as portas que dan ás canles e o templo derrúbase. 8 A imaxe da deusa é levantada e levada cativa, laméntanse as súas sacerdotisas coma pombas que arrolan, dan golpes sobre os seus corazóns. Vanse as riquezas de Nínive 9 Velaí Nínive! Toda ela é unha poza: como corre a auga! "Para, detente!" Pero non hai quen a faga dar volta. 10 Saqueade a prata, saqueade o ouro! Non ten fin a súa riqueza, o esplendor das súas alfaias. 11 Pillaxe, saqueo, roubo! Os corazóns teñen quebrantos, tremen os xeonllos, estremecementos por todo o corpo, as caras de todos xúntanse ante tal maldición. 12 Onde está a gorida dos leóns? Onde está o campo de presa para os cachorros dos leóns? Cara onde camiña o león para levar os cachorros da leoa, sen que haxa quen os asuste? 13 O león caza por causa dos cachorros, esnaquiza para as súas leoas; a cova está chea coas súas presas, e o cubil cos anacos de carne. 14 Velaquí me tes contra ti —di o Señor dos Exércitos—: vou queimar na fumareda os teus carros e a espada devorará os teus cachorros, farei desaparecer da terra a túa cova, e non se volverá a oír a voz dos teus mensaxeiros. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)