Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Miqueas 7 - Biblia SEPT


Ai pola xeneralización da inxustiza

1 Ai de min! Pois veño ser coma os que fan a colleita do verán, coma as mulleres que rebuscan na vendima; non hai nin un acio para comer, nin figo temperán que satisfaga o meu gusto.

2 Desapareceu do país o home piadoso, non hai na superficie da terra home recto, todos eles axexan para verter sangue, cada un caza con rede a seu irmán.

3 As súas mans están adestradas para o mal: o príncipe asoballa, o xuíz extorsiona por diñeiro, e o grande fala a palabra do seu propio apetito,

4 por el a súa bondade dóbrase coma un espiño, a súa rectitude, máis ca unha silveira. O día das sentinelas, o día da túa inspección, xa chegou: Agora será a desolación:

5 Vós non confiedes no compañeiro, non vos fiedes do amigo; garda ben as portas da túa boca mesmo da que se deita no teu seo.

6 Porque o fillo deshonra ó pai, e a filla levántase contra súa nai, a nora contra a súa sogra; os inimigos serán os da propia casa.

7 Pero eu mirarei atentamente para o Señor, esperarei no Deus da miña salvación, e o meu Deus escoitarame.


IV. ESPERANZA SALVÍFICA Resposta esperanzada ós insultos da inimiga (Asiria)

8 Non te rías de min, inimiga miña. Se estou caído, levantareime. Se habito na tebra, o Señor servirame de luz.

9 Soporto a ira do Señor, xa que pequei contra El: ata que xulgue a miña causa e execute a miña sentencia. El sacarame á luz, para que vexa eu a súa salvación.

10 Veralo, inimiga miña, e cubriraste de vergonza, ti que me dis: "Onde está o Señor, o teu Deus?" Os meus ollos gozarán contemplándote: de seguida vas ser pisada coma a lama das rúas...


Oráculo de restauración para Israel, e de castigo para a inimiga

11 Chega o día de reconstruír a túa muralla, ese día alongarase a túa fronteira.

12 O día aquel mesmo desde Asiria e Tiro virán onda ti, e desde Tiro ata o Éufrates, desde un mar ó outro mar, desde unha montaña á outra montaña.

13 E a súa capital volverase unha desolación por culpa dos seus xefes polo froito das súas obras.

14 Pastorea ó teu pobo co teu caxato, o rabaño da túa herdanza, que vive solitario na foresta, no medio dunha fértil camposa. Que pazan en Baxán e Galaad, coma nos días doutros tempos.

15 Coma nos días da túa saída de Exipto, fainos ver marabillas.

16 Que os pobos o vexan e se avergoncen, a pesar de toda a súa forza, que poñan a man na boca, e que os seus oídos enxordezan.

17 Que lamban o po coma a cobra, coma os que se arrastran pola terra; que saian tremendo dos seus buratos onda o Señor, noso Deus, que estarrezan e che teñan medo a ti.


O perdón de Deus

18 Que Deus hai coma ti, que quita a iniquidade, e lle pasa por alto o pecado ó resto da súa herdanza, que non se obstina para sempre na ira, senón que lle ten amor á misericordia?

19 Cambiará de actitude, terá compaixón de nós, esmagará as nosas iniquidades. Si, ti botarás no fondo do mar todos os nosos pecados!

20 Dálle a Xacob probas de fidelidade, a Abraham probas de amor: así llelo xuraches ós nosos pais desde os tempos antigos.

Lean sinn:



Sanasan