Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Miqueas 6 - Biblia SEPT


III. PREITO E AMEAZAS CONTRA ISRAEL Preito de revisión da Alianza

1 Escoitade, pois, o que di o Señor: "De pé! Convoca os montes a litixio, e que os outeiros escoiten a túa voz".

2 Escoitade, montes, o litixio do Señor, escoitade a súa fidelidade, fundamentos da terra, pois o Señor ten un litixio co seu pobo, entra en disputa con Israel.

3 "Meu pobo, que che fixen?, en que te quebrantei? Respóndeme!

4 Si, fíxente subir do país de Exipto, e rescateite da escravitude, e mandei á túa fronte a Moisés, a Aharón e a Miriam.

5 Meu pobo, lémbrate do que maquinaba Balac, rei de Moab, e do que desde Xitim ata Guilgal lle respondeu Balaam, fillo de Beor, para que recoñezas a fidelidade do Señor".


Resposta do pobo, e oráculo

6 Con que me presentarei diante do Señor? Con que me prostrarei ante o Deus Altísimo? Presentareime diante del con holocaustos? Con becerros, crías dun ano?

7 Compracerase o Señor en miles de carneiros, en millares de regueiros de graxa? Deberei darlle o primoxénito en expiación polo meu delito?

8 "Home, xa se che explicou, que é o bo, que é o que o Señor pide de ti: practicar a xustiza, amar a fidelidade e comportarte humildemente co teu Deus".

9 A voz do Señor bérralle á cidade: "Deste xeito verás o triunfo". Escoitade, tribo e asemblea da cidade:


Oráculo de castigo contra Israel polas súas inxustizas

10 "Podo eu soportar o canado tramposo, tesouros inxustos e tega escasa e maldita?

11 Podo eu declarar lexítimas as balanzas inxustas e o saco con pesas falsas?

12 Si, os ricos das cidades están cheos de violencia, os seus habitantes falan mentiras e a súa lingua é falsa na súa boca.

13 Velaí, tamén eu empecei a bater en ti, a volverte unha desolación por culpa dos teus pecados.

14 Ti comerás e non te fartarás: a túa ruína está no teu ventre. Gardarás algo, pero non o salvarás, e o que salves eu entregareino á espada.

15 Sementarás, pero non recollerás. Pisarás as olivas, pero non te perfumarás co aceite; pisarás as uvas, pero non beberás o viño.

16 Si, obrigóusevos a cumprir os decretos de Omrí, e todos os feitos da casa de Acab, e comportástesvos conforme as súas ordes. Por iso eu convertereivos nun horror; e ós habitantes da cidade, nunha burla. Teredes que aturar o escarnecemento dos pobos".

Lean sinn:



Sanasan